O BNG de Barro afirmou onte que os problemas de tráfico no núcleo urbano de San Antoniño teñen a súa orixe no Plan
Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O portavoz municipal dos nacionalistas, Xosé Manuel Fernández Abraldes, sinalou que o PP non tivo en conta no seu día os contratempos que carrexaría construír o núcleo urbano a ambos os dous lados da estrada N-550 «sen deseñar accesos seguros ás distintas rúas, tanto para peóns como para vehículos».
O Bloque recordou que fai máis dun ano o pleno aprobou unha moción na que se propuña a construción dunha rotonda no lateral da N-550, na rúa que baixa ao tanatorio. Por iso, responsabilizou ao Concello e a Fomento de posibles accidentes.