As obras de construción da futura autovía entre Pontevedra e Vilagarcía provocaron onte unha nova derriba de infraestruturas
existentes coa destrución do edificio dos antigos almacéns Mobles Óscar, tarefa levada a cabo no seu maior parte por unha máquina escavadora de grandes dimensións.
A derriba foi necesario xa que a edificación estaba situada nun punto xeográfico que afecta, de cheo, ao trazado previsto para o novo viario de alta velocidade así como para as obras de acceso á devandita estrada que se están desenvolvendo na zona, co proxecto de creación do chamado macronudo de Curro.
Estes accesos en toda a zona servirán tanto de nexo coa nova autovía como á Autoestrada AP-9 e conectará ademais coa estrada PO-531, un gran nó de comunicacións cuxa localización xa provocara, a finais do ano pasado, outra derriba, naquel momento o circuíto de carreiras Val do Salnés, tamén dentro do Concello de Meis.
Prazos e investimentos> As obras de creación da ligazón teñen un custo de 1,8 millóns e un prazo de execución previsto de dez meses, producíndose a ocupación dos terreos a mediados de novembro de 2009. En canto á creación da Autovía Pontevedra-Vilagarcía, o propio conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, indicou que as obras se iniciarían este ano e contarán cun orzamento total de case 70 millóns de euros.
O macronudo de Curro, que permitirán enlazar tres viarios que articulan o tráfico rodado por toda a provincia, constituirá, aseguran desde as administracións, un importante nexo e acceso entre os viarios, achegando maior fluidez ao tráfico e facendo posible unha mellor distribución do tránsito de vehículos. A importancia da ligazón crece ao ter en conta que posibilitará a unión de grandes núcleos comerciais e empresariais desde Vilagarcía até Vigo.