O PP di que haberá que esperar dez anos pola autovía Pontevedra-Curro

Estimacións realizadas a partir de documentos de Fomento indican que haberá que esperar polo menos ao 2017 polo tramo de autovía entre Pilarteiros (Pontevedra) e Curro (Barro ), correspondente ao traxecto da A-57 que vai da estrada de Campo Lameiro á peaxe da AP-9 no cruzamento coa vía do Salnés. O PP, con todo, cre que este prazo será amplamente pasado e que haberá que esperar polo menos dez anos por esta nova infraestrutura.

A voz de alarma parte do portavoz popular no Concello, Telmo Martín, quen non confía na data do 2017. «Moito témome que posiblemente vaian ao ano 2020», asegurou na súa última comparecencia pública.

Os populares cren que o goberno bipartito local non mostra un vigor suficiente nas súas reclamacións ante Fomento de infraestruturas que incumben de cheo a Pontevedra e reclaman dos dirixentes do PSOE e o BNG reacciones similares ás que expresan ao redor de proxectos que dependen da Xunta.

A data do 2017 para Pontevedra-Curro responde a unha estimación a partir das previsións de Fomento. O ministerio encargou en decembro o estudo informativo deste tramo tras licitalo cun prazo de 24 meses. Un documento do citado departamento fixa en cinco anos máis o tempo que terá que transcorrer entre a entrega deste estudo e a entrada en servizo da autovía.

A suma dos dous anos do estudo que debe definir o trazado e dos cinco a maiores que se calculan para que a infraestrutura entre en servizo conduciría ata o 2017. No entanto, outras estimacións apuntan ao 2018 como mínimo para rematar a obra e o líder do PP local cre que non estará ata o 2020.

Martín sostén ademais que a circunvalación de Pontevedra non estará completa ata que conclúa o tramo Pilarteiros-Curro . Os outros dous traxectos que rodean Pontevedra -Vilaboa-A Ermida (estrada de Ponte Caldelas) e A Ermida-Pilarteiros- están agora en fase de redacción de proxecto.

A entrada en servizo da autovía entre Pilarteiros e Curro é a única alternativa sen peaxe que terá o tráfico unha vez que se desenvolva a reforma da estrada de Vilagarcía PO-531 entre O Vao e Curro . Para entón, os 20.000 vehículos que utilizan esta vía a diario terán que circular a velocidades máximas comprendidas entre 50 e 70 quilómetros por hora. Ademais, terán que facelo nunhas condicións de seguridade viaria reforzadas -máis pasos de peóns, máis beirarrúas- e sorteando nada menos que 11 rotondas en só oito quilómetros.

O PP prometeu, antes das últimas eleccións xerais, que deixaría sen peaxe a AP-9 entre Pontevedra e Curro se alcanzaba o poder. Ademais, comprometeuse a construír un terceiro carril para canalizar o previsible aumento de circulación pola arteria atlántica.

One thought on “O PP di que haberá que esperar dez anos pola autovía Pontevedra-Curro

  1. Mentres Alemaña e outras rexións adiantadas progresan coas a utoestradas gratuítas, co que supón iso de abaratamento no transporte de mercadurías e o prezo final dos produtos en beneficio poboacional.

    Aquí o modelo supón o enriquecemento dunha empresa concesionaria con capital foráneo e unha clase dirixente que segue a proxectar trapalladas como as xa consolidadas nos tramos de Rande, na saída da autovía das Rías Baixas paralizando Vigo; ou ben a barbaridade de deixar Coruña acoutada sen poder ter acceso ao aeroporto por autoestrada e poñendo peaxe xa dende a Ría do Burgo. Porque non queren practicar o modelo excepcionalde circunvalacións de Santiago de Compostela connosco. Se cadra non somos cidadáns de primeira ou a tallada que hai sobre a mesa non queda tan saborosa.
    Seguirán mexando por nós ou somos ese boi de palla que non produce nada?

Deixa unha resposta a xose manuel Cancelar a resposta