O deseño do supernó de Curro gusta en principio á plataforma veciñal que mantivo un ano de protestas na estrada
contra o proxecto auspiciado polo bipartido. Manuel Corredoira, voceiro da entidade, asegurou onte que lle parecía «moi ben» a solución presentada a pasada fin de semana pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (MATI).
Porén, Corredoira matizou que só vira este deseño a través dos medios de comunicación e que xa se dirixira ao delegado da Xunta, Manuel Cores Tourís, e ao máximo responsable da MATI, Agustín Hernández, para solicitarlles unha entrevista e ver os planos ao completo.
En principio, aos veciños lles agrada a estrutura en tres niveis para o supernó, a fin de despachar os tráficos das estradas locais de Mosteiro, Cambados e Vilanova, así como os que quedarán residualmente na PO-531 Pontevedra-Vilagarcía, unha vez que se constrúa a autovía Curro-Baión.
Tráficos industriais
Tamén están de acordo coa solución proposta para os tráficos do polígono Barro-Meis, a fin de que teñan entrada directa na gran rotonda a través da antiga C-531,-sen pasar pola poboación de Curro – e conexións coas autovías de Sanxenxo, Vilagarcía e coa AP-9.
Pero o colectivo quere agora, segundo explicou Corredoira, ver con detalle todos os movementos e como quedan as direccións. Tamén pretende falar dos últimos flocos do nó pequeno de Curro e, finalmente, da PO-531. En concreto, se pretende que se fagan a obras de urbanización que tiñan luz verde e que se reconsidere o tramo Pontevedra-Campañó.