Afectados polo desdobramento da PO-531 prevén manifestarse antes da campaña electoral

Os afectados polo desdobramento da estrada PO-531 Pontevedra-Fachendoso prevén manifestarse en próximas datas, pero evitarán interferir na campaña para as eleccións xerais, segundo indicou onte en Radio Voz, Manuel Corredoira, presidente da plataforma veciñal que pretende reformular o proxecto que presentou a Xunta.

Tal como xa fixesen a pasada semana nunha rolda de prensa, os veciños insistiron onte en que xa non realizarán esta protesta o vindeiro sábado, día 19. Previamente, queren celebrar asembleas en todas as parroquias para explicar a situación.

Antes da manifestación, pretenden igualmente entregar as alegacións que, con toda probabilidade, chegarán aos portelos da Xunta o próximo día 22.

Os veciños esperan obter firmas suficientes para formular entre 4.000 e 5.000 alegacións, un asunto que tamén se está tratando nas asembleas que convocaron nas parroquias, entre elas, a que tivo lugar o pasado fin de semana en Campañó.

Corredoira dixo onte que o actual proxecto non axilizará a circulación entre Pontevedra e Fachendoso, dado que será preciso pór catro ou cinco rotondas no percorrido, practicamente unha cada quilómetro.

Deixar un comentario