O alcalde de Barro, o popular José Antonio Landín, remitiu onte un escrito á delegada provincial da Consellería de Política Territorial, Isabel Domínguez, para que se emenden varias «deficiencias» detectadas tras percorrer o tramo da estrada de Porráns a Moraña (PO-226) que discorre polo municipio.
En concreto, o rexedor considera necesario que se manteñan as tres paradas de autobús que estaban situadas en Mane, Triabá e Barroca, e que utilizan tanto os usuarios do transporte de viaxeiros que se desprazan a Moraña ou Pontevedra como os nenos para o uso do transporte escolar.
Tamén demanda que se melloren as beiravías en moitas zonas da estrada ao entender que son insuficientes, co consecuente perigo para os peóns.
Landín Eirín engade que, se a Xunta non quere acometer esas melloras, procédase ao estaquillado das liñas de expropiación para que as execute o Concello de Barro.