Un total de 120 militares iniciarán este luns a súa participación no 12º Concurso
de Patrullas Tui-Santiago que organiza a Brilat de Pontevedra e que, como principal novidade, terán que completar en menos de 36 horas, unha redución fronte ás 48 horas que tiñan como máximo para completar os 120 quilómetros de camiño. Trátase do que o xeneral da Brilat, José Antonio Alonso, cualificou como “la prueba reina del 47º aniversario de la Brigada”.
Aos patrulleiros da Brilat sumaranse este ano varios equipos doutras unidades do Exército procedentes do Terzo Norte de Infantería de Mariña de Ferrol, a Xefatura de Tropas de Montaña de Huesca, a Brigada Paracaidista desde Madrid e, por primeira vez, unha patrulla do Mando de Canarias.
Entre os participantes nesta edición non estará a Lexión aínda que ausencia, segundo
explicou Alonso, está “al margen” da explosión na que faleceron tres efectivos da base de Viator (Almería), pois o anuncio de que non concorrerían ao concurso de patrullas foi anterior ao incidente.
Aínda así, con respecto ao ano pasado incrementouse a participación nesta proba “abierta, reñida e intensa”, como a describiu José Antonio Alonso, que destacou que “las patrullas se esfuerzan más y hacen tiempos cada vez mejores”.
A partir da saída, o 27 de maio ás 8.00 desde o embarcadoiro de Tui, e ata a chegada da
primeira patrulla á praza do Obradoiro, que se calcula ao redor das 13.00 horas do día 28, a organización do concurso dividiu o itinerario en tres etapas: unha primeira ata Pontevedra, a seguinte en Padrón e a terceira en Santiago..
As dúas primeiras han de superarse en 12 horas cada unha, e a última en 10 horas. As patrullas que non cumpran eses prazos quedarán eliminadas. Entre outros motivos de descualificación, ningún grupo poderá seguir se se produce máis dunha baixa, xa que un dos obxectivos do concurso é a “fortaleza del equipo”.
Como proba militar, ao longo do percorrido os participantes -ataviados cos uniformes correspondentes ás súas unidades e portando un equipo regulamentario de 8 quilos- terán que ir realizando diversos exercicios: lanzamento de granadas no campo de fútbol de Pontesampaio; un percorrido topográfico no que terán que localizar varios puntos mediante fotografía aérea, compás e plano.
Na base militar Xeral Trasfogueiro de Figueirido terán lugar as prácticas de tiro de
precisión con fusil e o paso de pista de aplicación con varios obstáculos; seguiranlle o paso de rápel voado na ponte de Monteporreiro; dous percorridos cronometrados en zonas situadas entre Caldas de Reis e Santiago; e cruzar a nado o río Ulla en Pontecesures, que transcorrerá en horario nocturno.
A diferenza de anteriores edicións, o paso de rápel trasládase do miradoiro de Cotorredondo (en Vilaboa) a Monteporreiro (en Pontevedra) para que este exercicio non se desvíe tanto da
ruta do Camiño de Santiago e para favorecer que a cidadanía “pueda ir a ver” como leva a cabo este exercicio. Tamén se suprime da relación de probas o cruzamento do río Umia en Caldas con medios semipermanentes.
Os mandos da Brilat que supervisen a evolución do concurso de patrullas terán información exacta da localización de cada equipo vía GPS a través dos dispositivos electrónicos que portará o xefe de cada grupo. Nesta ocasión a Brilat dotouse de dous sistemas, Esyl e Sporident, este último utilizado polo Club de Montañeiros na realización de actividades de orientación.
Na presentación do concurso de patrullas, o comandante Molina sinalou que esta iniciativa pretende “fomentar el espíritu de sacrificio y el afán de superación” dos participantes, que deberán “superar las dificultades físicas y psicológicas” propias da proba. Para iso, tamén se medirá o “liderado” do xefe de cada patrulla. A Brilat tamén pretende así “estrechar lazos con la población civil y las instituciones” vinculadas ás localidades polas que transcorre o Camiño de Santiago.
O acto de clausura do 12º Concurso de Patrullas Tui-Santiago celebrarase o 29 de maio ás 11.15 horas, coa formación militar e a entrega de trofeos aos gañadores, e a asistencia á Misa do Peregrino ao mediodía.




