Un percusionista pontevedrés, seleccionado para The World Orchestra

O percusionista da Banda de Música de Pontevedra Jorge González-Reynoso Sarabia acaba de ser seleccionado para The World Orchestra, coa que actuará este ano nos festivais de Mallorca e de Sudáfrica. Esta destacada agrupación musical está dirixida polo recoñecido percusionista Josep Vicent.

González-Reynoso iniciou os seus estudos musicais no Conservatorio pontevedrés, e no 2004 pasou a formar parte da Banda de Música Xuvenil de Barro. Dous anos máis tarde integrouse na de Pontevedra, e con esta agrupación interpretou concertos solistas, ademais de colaborar tamén coa Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra.

Desde o 2009 é alumno do Conservatorio Superior de Vigo e actuou baixo a batuta de Maximino Zumalave, entre outros directores. Así mesmo, é membro fundador do grupo Perkuka, co que actuou por toda a xeografía galega. E este ano, ingresou como percusionista reserva na Gustav Mahler Jugendorchester (GMJO), a orquestra xuvenil máis prestixiosa en Europa.

The World Orchestra é unha agrupación nova, solidaria e internacional con sede en Valencia, xestionada por East-West Music en colaboración coas Mocidades Musicais de España. Presidida por Jordi Roch, na súa web destacan que a orquestra «sitúa a música noutro plano para utilizala como medio comunicador de ideas, como escenario para divulgar a implicación social dos mozos dos máis de 50 países que a forman».