
ANXO MARTÍNEZ – AROUSA A directiva da agrupación de comunidades de montes do Castrove urxe á Xunta de Galicia a redacción do plan de ordenación do gando que o director xeral de Montes prometeu hai un ano e catro meses, e que aínda non existe. Así o acordou o consello que dirixe Claudio Quintillán tras unha reunión celebrada antonte pola noite en Curro (Barro).
Os comuneiros do Castrove solicitaron hai tempo á Consellería do Medio Rural un plan para ordenar o gando –fundamentalmente cabalos en liberdade–, pois xurdiron algúns problemas entre os propietarios do monte e de leiras agrícolas particulares e os donos dos equinos, que ao parecer estaban a baixar aos vales e causaban danos nos cultivos.
A Xunta de Galicia ofreceuse a mediar e prometeu a redacción dun plan de ordenación. Pero diso pasaron xa dezaseis meses, e os comuneiros non teñen ningunha noticia do plan. Por iso, a directiva da Mancomunidade do Castrove inclúe este punto na orde do día da asemblea xeral da mancomunidade, que terá lugar o venres, 11 de maio, en Armenteira (Meis), ás 20.30 horas.
Na reunión de Curro de antonte falouse tamén do proxecto de planta de biomasa que a empresa Montelimpo quere instalar en San Lourenzo de Nogueira (Meis). O presidente da Mancomunidade, Claudio Quintillán, apunta que a directiva non acudirá á asemblea cunha postura concreta, pois prefire informar antes con detalle a todos os comuneiros, e que estes tamén escoiten as razóns de San Lourenzo para oporse á industria. Iso si, Claudio Quintillán está convencido de que a planta é necesaria –con independencia da localización final– para dar saída ao excedente de biomasa que hai no monte. Tamén cre que boa parte do rexeitamento que hai cara a ela agora mesmo débese a un erro de Montelimpo e do concello de Meis, pois opina que se evitaron moitas tensións se os veciños recibisen información antes, no canto de decatarse do proxecto a través dos xornais.
Neste sentido, a mancomunidade do Castrove púxose tamén en contacto coas do Morrazo e Pontevedra para falarlles da planta, posto que o radio de influencia da mesma é duns 30 quilómetros. Algúns membros de ambas as entidades estiveron tamén na reunión de Curro, coa intención de abordar o plan contable que teñen que levar agora a cabo as comunidades.
Lei de Montes
Na reunión falouse tamén de varias leis que a Xunta de Galicia ten entre mans. Así, por exemplo, Quintillán considera innecesarios por agora os cultivos enerxéticos, que Medio Rural pretende implantar para garantir a subministración de material ás plantas de biomasa. O representante de Castrove opina que tras os incendios de 2006 quedou moita biomasa no monte, e que entre iso e que se debería manter a franxa de distancia de seguridade das zonas arboredos ás vivendas en 100 metros –a Xunta quere reducila agora a 50– habería suficiente madeira e vexetación para as plantas, sen necesidade de recorrer aos cultivos ecolóxicos.
Pero no caso de que saian adiante, o Castrove tamén expón que estes cultivos non superen o 10 por cento da superficie total do monte, mentres que a lei que manexa a Xunta fala do 30. Quintillán teme que, con esa lei, algúns propietarios, empresas ou comunidades déixense engatusar coas subvencións e fagan plantacións masivas de eucalipto ou piñeiro.
