As demandas da vaxina

diario_pontevedra

A blogueira e guionista pontevedresa Diana López Varela debuta no mundo do teatro coa obra ‘No es país para coños’, unha comedia delirante sobre o universo feminino

Consulta dun xinecólogo. Tres mulleres falan das súas vidas e dos seus xeitos de pensar sobre o sexo, as relacións e a maternidade. É o punto de partida da obra ‘No es país para coños’, coa que debuta no teatro, “en realidade no microteatro”, a blogueira, guionista e xornalista pontevedresa Diana López Varela.

“A creadora, que xa participara na adaptación do guión de ‘Pulp Fiction’ para unha lectura dramatizada en Madrid, dirixida por Carlos Vermut, achégase agora en solitario á escena como autora e directora desta montaxe, que se estrea este venres en Pontevedra e que tamén se verá en Barro e en Vigo.

“Métome neste proxecto por culpa dunha das actrices, Arantxa, coa que coincidín no Boom! Film & Comic! de Vigo. Conectamos moi ben e propúxome que lle escribise algo para elas”. Porque Arantxa Treus e a pontevedresa Rocío Romero teñen un grupo de teatro que se chama Falabaratas co que fan cousas para cativos e teatro de rúa. A elas dúas sumouse neste proxecto Déborah Vukusic, ourensana afincada en Vigo. “Diana prendoume porque está pirada. E como nós estamos zumbadas tamén, pois iso”, confesa Treus.

Para ‘No es país para coños’, a creadora di que pensou nun sitio pequeno, con pouco atrezzo, no que tres mulleres puideran falar. “Leveino ao meu terreo e introducín os temas que me interesan: o aborto, a sexualidade, a promiscuidade… Todo cun punto moi divertido. Isto é unha comedia delirante”, di a autora. Treus xa contaba con que López Varela tirase polos seus temas fetiche. “Era exactamente o que quería, que saíse algo para mulleres. Estamos un pouco fartas de ser as mulleres de, as secretarias de, as conas benditas de… Estamos aquí. Escoitádenos! A nós tamén nos gusta follar, moitas veces máis que aos homes”. Rocío Romero concorda: “O bo desta obra é que fala das cousas que nos pasan cunha linguaxe directa”. Marca da casa de López Varela. “Xa é hora de que alguén fale do que nos sucede. Somos a metade. Ben o merecemos”.

As tres protagonistas da obra son tres mulleres con tres tipos de vida moi distintos. “Unha, que ten moi claro que non quere ter fillos. Outra, embarazada. E a terceira ansiosa por casar e ter fillos antes dos 30”, explica a autora. “Aínda que é unha parodia, son tres tipos de mulleres coas que eu convivo. O que fago na obra é deixalas falar, que expoñan as razóns que teñen para pensar como pensan. No fondo, do que se trata é de lanzarlle ao espectador a mensaxe de que ningunha é mellor ca outra e que o único que hai que facer é respectar os dereitos individuais”.

A proposta de López Varela tamén xoga a romper tabús e rachar con tópicos. “Como o da embarazada feliz. Feliz por decreto e non hai máis que falar, cando soen ser experiencias duras física e mentalmente. Ao final o que hai é un gran descoñecemento sobre moitas experiencias femininas”.

Segundo din as actrices, moito do que se representa promove o debate. “Incluso pode que firamos algunha sensibilidade. E seguro que hai quen nos chame ‘feminazis’ sen razón. Contamos con iso. Pero é interesante levar á xente fóra da súa zona de confort”. López Varela pensa que é hora de que as cousas cambien. “Cando unha película está dirixida por un home e protagonizada por homes ninguén pensa que é só para eles, sobreenténdese que é para todos. Neste caso non é unha obra para mulleres. É unha obra de teatro. Punto”. As actrices apóiana. “Por agora non será país para coños, pero con nós vai empezar a selo”.

Entrada libre e gratuíta

11 de setembro. Pontevedra. El Pequeño. 22.00 e 22.45 horas. Entrada libre.

13 de setembro. Barro. ‘Barosa líquida’. 20.00 e 21.30 horas. Entrada libre.

18 de setembro. Vigo. Sala Charentón. 21.00 e 23.00 horas. Entrada libre.

http://diariodepontevedra.galiciae.com/noticia/437667/demandas-da-vaxina

diana lopez varela

«A montaxe de escenarios vixíase só tras unha desgraza»

 
diario_pontevedra.750
Como se decatou de que “Amigos de Pontevedra” concedíalle un dos seus premios?
Chamáronme cando estaba na miña oficina, en Barro, e tomando un café, os directivos dixéronme que pensaran en min e que si aceptaba o premio. Contestei que estaría encantado, sen dubidalo, porque é un premio que non ten unha simboloxía política e que me gustará recibir. De feito eu xa coñecía a asociación porque llo deron tamén a un socio meu, Luís López Basalo. É unha persoa moi próxima a min porque, xunto con outros socios, levamos A Lúa, que xa é máis un sitio social que unha discoteca. É curioso que veña tanto a xente maior como a máis nova, a partir das 22.00 ou 23.00 horas. Sobre todo acode a xente que está na hostelería e que non traballa os luns. É a que aguanta alí porque ¡os domingos pechamos tardísimo!

Neste momento atópase inmerso na montaxe das festas da Peregrina, atopará tempo para acudir á comida?

Irei á comida o sábado, si chego alí [risas]. Temos un caos porque estamos na Coruña, en Riazor, co Festival do Noroeste Pop Rock. Tamén estamos no Marisquiño, outro festival que hai en Vigo, e aquí en Pontevedra empezan as festas con Mago de Oz. Dáte conta de que é unha empresa de carácter familiar, aínda que agora no verán collemos moitos empregados. Como teño unha delegación en Madrid e outra en Canarias chegamos a ser 60 ou 70. Agora somos 14. Están os meus fillos, os meus irmáns… o que facemos é traballo directo con persoas.

Como comezou a montar escenarios para concertos?
Empecei no hotel Universo, que tiña unha discoteca. Alí púxenme cos discos, a reparar e montar iluminación, a poñer o son. Despois comecei a montar discotecas e a manexar aos artistas. Tiven un parón cando fun á mili, pero cando volvín seguín coas discotecas porque era o “boom”, nos anos 70 e 80.

Tamén traballou no estranxeiro. Como xurdiu esa oportunidade?

Tiven sorte, ou ben foi porque traballaba moito, porque cando estás en todos os sitios é cando che saen oportunidades. A min chamábanme de Madrid cando estaba en Pontevedra e mandábanme a Bos Aires. En gran parte puiden facelo grazas á axuda dos meus irmáns, e agora a dos meus fillos e o meu sobrino. Unha parte do éxito é conseguir que che entendan, primeiro a túa familia e logo os teus empregados porque pasas moitas horas coas montaxes, ata as 4.00 ou 5.00 da mañá con montaxes e ao día seguinte preparando as facturas. O caso é que nos iamos logo de Reis, no mes de xaneiro, para o festival de Viña do Mar, en Chile. Despois o que faciamos era aproveitar a volta para traballar nos Carnavales e as festas en Perú, Arxentina, Ecuador, Colombia, República Dominicana, Venezuela… ata que empezaba o verán en España.

En que cambiou o seu sector desde entón?

Baixou muítisimo a produción porque dependemos moito dos organismos. Nós facemos moitas cousas para a TVG: Luar, os especiais, a Festa do Cocido de Lalín, os premios de gastronomía, os premios Mestre Mateo, os premios María Casares… todas as montaxes dependen de subvencións da Xunta e iso está parado. O mesmo pasa en Canarias. Antes o cabildo canario e o Goberno da Comunidade pagaban para facer os Carnavales e facturábamos entre 300.000 e 400.000 euros. A montaxe agora é máis ou menos igual, porque por razóns de seguridade non podes reducir moito, e páganche 100.000, porque só faise cargo o consorcio do Carnaval. Antes facíanse montaxes grandes e espectaculares e agora facemos o que podemos: traballo igual pero cobrando menos. O tipo de negocio que eu teño proliferou porque houbo demasiada “alegría” cos créditos bancarios. Podes ser moi bo técnico, que si che falta a parte de administración… Coas discotecas pasou o mesmo, nos 80 empezaron a meterse os DJ como empresarios, e moitas se foron ao garete.
Que papel xoga a Administración?
O problema é que as empresas somos máis rápidas que a Administración. Esta vai moi lenta, e cando quere encaixar xa pasa o que pasa hoxe, con tanta xente que che quere pagar en negro. Iso ocorre porque non se vixía. Só cando hai accidentes e tras unha desgraza empézase a vixiar toda a mecánica… durante dous ou tres meses, ata que se volven a aletargar.
Cal é a súa opinión sobre o programa de festas de Pontevedra?
Este Concello é quizá o que mellor nos paga e o que mellor nos trata, e ten unhas festas acorde aos orzamentos e a artistas de nivel. Pontevedra é unha cidade que permite vivir cómodo, pero notouse que a xente vaise máis cedo a casa. Noutras épocas había máis poboación flotante, agora os representantes quédanse máis na zona de Vigo ou Santiago. En xeral nótase que hai menos xente nos festivales, ata si son gratis, porque os pontevedreses non saen a gastar, e iso é o que o Goberno debería reanimar. Tiven sorte ou foi porque traballaba moito. Cando estás en todos os sitios é cando che saen oportunidades» A Administración vai moi lenta, e cando quere encaixar xa pasa o que pasa, con tanta xente que quere pagar en negro»
EMILIO SACARRERA