I TROFEO CONCELLO DE BARRO DE BAILE DEPORTIVO

Máis de 100 parellas tomarán parte o vindeiro domingo 20 de xaneiro no “I Trofeo Concello de Barro de Baile Deportivo”, organizado pola Escola de Baile Pasos, que se celebrará no Pavillón Polideportivo Municipal do Concello de Barro a partir das 13.00 horas.

A Competición finalizará sobre as 20.30 horas e recoméndase ao público asistir a partir das 16.30 para ver os apartados máis espectaculares. O prezo da entrada é de 6,00 euros, os menores de 12 anos entran gratis.

O trofeo de Barro é puntuable para o ranking nacional da Asociación Española de Baile e contará con numerosas parellas procedentes de toda Galicia e Portugal, que participarán nas modalidades de standard e latinos.

Os Standard son aqueles bailes de corte máis clásico, como o tango, o slow, o quick, o vals inglés e o vienés.

Os latinos engloban o chachachá, samba, rumba, pasodobre e jive.

Participan parellas de todos os grupos de idade:
– Xuvenil (menores de 11 anos)
– Junior I (de 11 e 12 anos)
– Junior II ( de 12 e 13 anos)
– Youth ( de 15 a 17 anos)
– Adulto I ( de 18 ata 25 anos)
– Adulto II (entre 25 e 35 anos)
– Senior I (entre 36 e 45 anos)
– Senior II (maiores de 45 anos)

Estes grupos divídense en diferentes categorías que van da H, que é a máis baixa (10 semanas de clases) ata a A e S, máximas categorías de nivel nacional que supón alcanzar varios podiums en todas as categorías inferiores, así como posuír unha gran calidade técnica e artística.

En Barro competirán os Campións de España Standard das categorías Junior I e Youth, todas as parellas que competiron recentemente no programa “Buscando Estrelas” de TVG e da parella que representou de Galicia no programa “Mira Quen Baila” de TVE.

Por outra banda sinalar que o Baile Deportivo e de Competición xa está recoñecido como deporte polo CSD e o COI e depende da IDSF (Internacional Dance Sport Federation), que ten como representación en España á AEBDC. (Asociación Española de Baile Deportivo e de Competición) que en breve converterase na Federación Española de Baile Deportivo.