O viveiro de empresas de Barro-Meis albergará a 16 emprendedores dende finais do verán

LOGO PONTEVEDRA VIVA BARRO

O viveiro de empresas que se está a construír no polígono industrial Barro-Meis terá estrutura modular e capacidade para acoller 16 novos emprendedores. As obras estarán rematada a finais do verán e pasada a época estival poderán xa sacarse a concurso as prazas e empezar a funcionar.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, deu a coñecer este luns os detalles do proxecto no marco dunha visita ás obras na que o acompañaron o presidente da Cámara de Comercio de Vilagarcía, Miguel Falcón, e o alcalde de Barro, José Antonio Landín. Ambas as dúas institucións están implicadas na xestión do proxecto, pois o viveiro situase en terreos do termo municipal de Barro e a Cámara encargarase de seleccionar os novos emprendedores que utilizarán as instalacións.

Louzán destacou que as obras, que se financian con fondos europeos, se completarán cun centro de apoio empresarial que se construirá na parcela contigua e estará rematado ao longo deste ano 2015. Ambos os dous proxectos teñen un presuposto conxunto de preto de 2,5 millóns de euros.

As empresas que se asenten no viveiro recibirán formación e a Deputación e o Incyde prestaranlles determinados servizos adaptados ás súas necesidades concretas. As empresas instalaranse gratis os dous primeiros anos, soportando só os gastos xerais de mantemento das instalacións. O proxecto facilitará o traballo dos emprendedores, dándolle espazos e servizos axeitados para a posta en marcha das súas iniciativas, e servirá tamén de punto de partida para unha estratexia de impulso do emprendemento e promoción económica en toda a provincia.

O viveiro e o propio polígono converteranse, a xuízo de Louzán, no “motor económico” tanto do Concello de Barro coma das comarcas de Pontevedra, Umia e O Salnés. Como exemplo da vitalidade do proxecto, o alcalde de Barro indicou que na actualidade xa hai sete empresas asentadas na zona ou en proceso de instalación que ocupan arredor do 45% do chan dispoñible.

A empresa máis relevante das que se asentarán en Barro-Meis será o Grupo Froiz, que ocupará 20.000 metros cadrados. Louzán e Landín indicaron que a empresa está aínda pendente dun último trámite administrativo para poder empezar as obras. Trátase dunha modificación puntual do proxecto para poder facer unha permuta na cualificación urbanística dunha das parcelas incluídas dentro dos terreos adquiridos por Froiz, de modo que permita cambiar a situación dunha zona de aparcadoiros por outra. Prevén que en dous ou tres meses estea concluído.

http://pontevedraviva.com/xeral/18983/vivero-empresas-barro-meis-albergara-16-emprendedores-verano/

LANDIN LOUZAN