O BNG DE BARRO PIDELLE AO PSOE RESPECTO POLOS VECIÑOS E VECIÑAS DE CURRO, E QUE DEIXE DE ALARMAR SOBRE A UBICACIÓNDA PLANTA DE COMPOSTAXE

bng barroO PSOE no seu pronunciamento contra a construción dunha planta de compostaxe para un tratamento sustentábel dos residuos orgánicos está facendo declaracións alarmistas nas que considera unha instalación desas características moi nociva e molesta para os veciños de Pontevedra, pero apropiada para as veciñas e veciños de Barro, ao propor que se instale no polígono de Barro-Meis.

A ubicación xa está decidida.

O proceso de escolla de terreos para instalar esa planta consistiu en que as comunidades de montes ou particulares con terreos adecuados para a mesma llos ofertaran ao Concello de Pontevedra. Ningunha parroquia de Barro ofertou terreos para a mesma, pero si o fixeron varias parroquias do Concello de Pontevedra, decantándose este pola oferta da parroquia da Canicouva, por reunir as mellores condicións técnicas.

A compostaxe dos residuos orgánicos é o tratamento máis racional e ecolóxico dos mesmos, tanto polo aproveitamento do compós que se produce, para a súa reutilización como abono, como ao ser o máis respectuoso co medio ambiente ao evitar a súa incineración, é por iso que o BNG ten demandado no concello ese tratamento para os residuos orgánicos.

Sería bo que o PSOE se aclare e deixe de enredar con este tema. Se se está contra a incineración dos residuos e se no Parlamento se presentaron iniciativas para apostar pola compostaxe non se debe alarmar a cidadanía cando hai administracións que intentan levalo a cabo.

No BNG sempre defendemos un tratamento sostíbel para os residuos urbanos defendendo a reciclaxe e a compostaxe, dándolle así un tratamento ecolóxico e acaído ao século XXI. É por iso que valoramos positivamente os esforzos daquelas administracións que buscan conquerir eses obxectivos.