O PSOE pontevedrés xa se decantou definitivamente pola localización que, ao seu xuízo, debe
elixirse para a planta de compostaxe que proxecta o BNG de Pontevedra en colaboración coa Deputación: o polígono de Barro-Meis, que precisamente é propiedade” da institución provincial, “o que abarataría os custos”.
Agustín Fernández, concelleiro de Educación e Deportes e aspirante socialista á Alcaldía, mostrou onte as súas dúbidas sobre o interese que, segundo o alcalde, Miguel Fernández Lores, albergan as adegas da bisbarra do Salnés polo futuro compost que se poida fabricar na planta de Canicouva. “Se o sector vinícola ten interese en utilizar aboamento realizado a partir dos residuos sólidos urbanos, non ten que agardar á materialización dun proxecto virtual. Só ten que adquirilo nas plantas de Nostián e Lousame, onde hai moitas toneladas dispoñibles esperando comprador,”. O edil socialista engade que “seguro que as concesionarias destas dúas plantas, que acumulan importantes perdas anuais por falta de saída do seu produto, agradecen a chamada de Louzán“. E é que Fernández sitúa o presidente da Deputación como “impulsor” dese “interese” no Salnés.
Por iso, o edil do PSOE sostén que “a fabricación de compost no polígono de Barro-Meis abarataría os custos de transporte ás viñas desa bisbarra, minimizaría o impacto económico e ademais incrementaría a viabilidade económica, na medida que a Deputación é propietaria dos terreos”.
Fernández tamén fai referencia ás queixas do alcalde polo “cambio de opinión” dalgúns colectivos con respecto ao proxecto, algo que considera “comprensible a medida que vai aparecendo máis información sobre unha iniciativa totalmente falta de transparencia”.
