Políticos e veciños de Barro pactan as alegacións ao proxecto

Os tres grupos políticos da corporación de Barro (PP, BNG e PSOE), o presidente da Plataforma da PO-531 e os dirixentes das comunidades de montes de Curro e de Portela consensuaron o pasado luns un escrito de alegacións ao proxecto de ampliación previsto por Política Territorial. O documento recolle basicamente as suxestións xa expostas polo Bloque.

Os asinantes piden á Xunta que modifique o proxecto, cambiando a súa concepción de priorizar a circulación de vehículos por outra que humanice o viario PO-531 ao seu paso por Barro. O obxectivo é retardar o tráfico, aumentando a seguridade viaria e permitindo a máxima permeabilidade peonil coa construción de beirarrúas e zonas verdes, integrando a estrada no espazo urbano polo que discorre.

Tamén solicitan que se minimice «todo ou posible» o impacto da obra, tanto de expropiacións de vivendas como de afeccións. Suxiren que se protexa e repoña (de ser necesario) todo o patrimonio cultural afectado polo proxecto e que este se axuste ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Barro.

Finalmente, os partidos e os colectivos veciñais propón que se teña en conta como solución ao tráfico rodado de vehículos entre Vilagarcía, O Salnés e Pontevedra a posibilidade da liberación da peaxe da AP-9 entre Curro e Pontevedra.