Os actos das agrupacións folclóricas, musicais e culturais de Barro coparán a axenda de lecer do
municipio durante o verán. Cada fin de semana, en distintas parroquias, haberá concertos, representacións teatrais e deportes.
Este programa, que inclúe actividades ata o mes de setembro, foi presentado onte no concello polo concelleiro de cultura Roberto Rivas (BNG) e representantes das principais agrupacións locais como a coral polifónica, o grupo de gaitas, a banda de música, a Asociación Cultural Barosa e o artista Miro Magariños. Todos eles colaboraron na programación destas actividades.
No ámbito musical, as sesións comezan esta mesma noite co ciclo Noites non Camiño. A Banda de Nash actúa en San Amaro a partir das 22.30 horas. A segunda parte deste festival terá lugar o 22 de agosto en Valbón, coas actuacións de catro grupos locais.
Na sede dos comuneiros de Portela, celébrase tamén esta noite un concerto de acordeóns a cargo da Asociación Cultural Amigos do Acordeón Rías Baixas, a partir das 20.30 horas.
Nas próximas semanas, celebrarase o festival musical Barosa Líquida e a compañía de Miro Magariños presentará dúas obras de teatro. Haberá tamén un encontro de bandas e unha sesión de paintball.

