A Consellería do Medio Rural e do Mar publicou onte no DOG a aprobación das
bases definitivas da concentración parcelaria Perdecanai-Barro II, no municipio de Barro.
Este proceso de reorganización da propiedade afecta a un total de 517 hectáreas e posibilitará a redistribución espacial dun total de 6.350 parcelas.
Estas pertencen a 878 propietarios, segundo os cómputos feitos públicos onte pola Consellería do Medio Rural, que engade que con esta aprobación “conclúen todos os trámites relativos á identificación dos propietarios das leiras, determinación exacta da superficie e clasificación dos terreos”.
Ata o momento, e sempre segundo os datos feitos públicos pola Xunta, investíronse preto de 370.000 euros para a preparación dos traballos de investigación da propiedade, o levantamiento dos planos parcelarios e a elaboración do estudo de impacto ambiental.
As bases definitivas expoñeranse ao público na Casa Consistorial de Barro “e nos lugares de costume”, engade a Consellería do Medio Rural, e as persoas interesadas en alegar dispoñerán dun prazo de 30 días para interpoñer recurso de alzada.
Este prazo de 30 días empezará a contar a partir do momento en que cada propietario reciba a comunicación personalizada. A partir dese momento poderá interpoñer ese recurso de alzada contra a parcelaria Perdecanai-Barro II ante a Consellería do Medio Rural e do Mar.
42.525000
-8.647222