«Investir catro millóns en tres anos é case imposible para unha comunidade de montes»
—————————————————————————————–
Os millonarios de Landín O alcalde ironizaba cando dixo que el fixera millonarios. Non fixo rico a ninguén: pagáronlle á xente polo que lle quitaron» Reparto do beneficio Agora non é como en 2007, cando se lle repartiron 1.500 euros a cada comuneiro. A Xunta pon moitas trabas»
———————————————————————————————–
VÉN DE COBRAR 4,4 millóns de euros, pero non para el, senón para a Comunidade de Montes de Curro, que preside. Agora, Miguel Maquieira Cancela e o resto da directiva desta afortunada agrupación buscan as mellores fórmulas para investir estes cartos.
Acaban de recibir os 4,4 millóns que compoñen a diferenza pola expropiación dos 250.000 metros do polígono Barro-Meis. Como é o proceso despois do ingerso?
O primeiro foi ter unha reunión da xunta reitora, cos once directivos, e despois chamar ás entidades bancarias. Antes, cando nos ingresaron os dous millóns fixemos un procedemento aberto, pero agora xa sabemos a que entidades dirixirnos. Estamos á espera de ofertas. Tamén cabe a posibilidade de que compremos obrigas e letras do Tesouro, ou falemos co Banco de España. En total, co ingreso anterior e con este superamos os cinco millóns. Se nos ofrecen un 4% teriamos uns réditos en torno aos 250.000 euros anuais. Non se pode decidir á lixeira. Hai que lembrar que a nosa comunidade de montes resultou moi afectada polos lumes de 2006 e que non teremos máis ingresos de cortas en décadas por culpa diso, polo que temos que manter o capital para seguir cos servizos que ofrecemos.
Como é a fiscalidade destes ingresos da expropiación?
É moi complicada. De acordo coa lexislación hai que gastar ou investir en catro anos, e revertir un 40% no monte. Ao cobrar no 31 de decembro de 2012, un deses anos xa o perdemos. Quedan tres para facer todo o investimento e é case imposible. Non temos liberdade para investir o 60% que queda unha vez feito o gasto no monte: ten que ser obra social, servizos para os veciños e dotacións. Que ninguén se pense que podemos comprar unha nave no polígono e alugala, por exemplo. A partir do cuarto ano hai que pagar un 25% a Facenda como Imposto de Sociedades. Sería un millón de euros.
Os dous millóns que se cobraron no 2006 xa tributaron o imposto?
Non. Construímos o centro forestal, as piscinas e dotacións e temos aínda máis dun millón. Non pagamos porque levamos loitado moito por facerlle entender á Xunta que non é viable gastar así. Somos a primeira comunidade que ten aprobado un Plan Especial, no que completaremos a inversión deses cartos en desenvolver o Plan do Monte e en outras actuacións, ademais de manter os servizos xa establecidos do local social, as piscinas e demais. Tivemos que explicar que non podiamos gastar todo nese tempo e comprometernos en facer cumprir a lista de investimentos que xa foi achegada. Déronnos cinco anos máis. De todos os xeitos, non é unha tributación axeitada e leva ás comunidades á quebra.
Ten idea do que pagou a Deputación en total pola expropiación?
Non. Só sei da miña comunidade. O resto, os particulares tiñan outros 150.000 metros, só hai que multiplicar por 13 euros e sumar os intereses. Iso si, non sei como ía repartido entre os particulares.
Quedan pendentes máis recursos polo prezo do chan que leven a novos desembolsos?
Pola nosa parte, non. Si que defendiamos un prezo de 59 euros, pero xa nos indicou o gabinete que nos asesora (o de Calixto Escariz) que non hai moitas máis vías despois da casación. Creo que os particulares tampouco reclamarán.
Pensa que isto incrementará o prezo do chan do polígono?
Non ten por que. Suponse que xa tiveron en conta que isto podía pasar. Pagaron a nove euros, pediamos máis de cincuenta e quedou en 23, pola metade.
Como sentou a chegada destes millóns en Curro. Hai un ambiente como de Lotería?
Hai unha crise e agradécese. Algunha das familias está acuciada polo desemprego e demais, pero era algo esperado. Contaban con isoo e non os colleu de sorpresa.
Canto cobran os gabinetes de avogados por estes traballos?
O noso leva un 7,5% do obtido máis IVE: serán preto de 300.000 euros.
Levan uns seis anos con isto.
Dí o alcalde que grazas á súa xestión moitos son millonarios…
Dio ironicamente, con sentido do humor, pero todos sabemos que non fixo rico a ninguén. Pagáronlle á xente polo que lle quitaron. E o prezo era razoable.
Reunirase cos veciños?
Por suposto. Fareino tan pronto como estea todo perfilado, para expoñer as propostas. Lense por aí cousas sobre outras comunidades, que non actúan así, pero para nós, que levamos 14 anos na directiva, é moi importante que se cumpra coa vontade da asemblea. En febreiro, probablemente, poderá haber xa xuntanza. Antes os veciños recibirán un boletín informativo. Virá o asesor xurídico e tamén informaremos da liña de obras como a ampliación do centro social, da terraza, a posibilidade de cubrir as piscinas para usalas un par de meses máis ó ano, o proxecto de poñer herba sintética no campo de fútbol sete, e tamén a compra das parcelas no monte, que chamamos ‘tomadas’. É outra forma que temos de mellorar o monte e amplialo e, a un tempo, axudar á economía dos veciños, xa que se pagaría un prezo de mercado.
E para o futuro?
Exporase o plan de crear emprego, e as vías para facer máis rentable o monte, como o convenio para cultivar camelias para produtos cosméticos, que está pactado coa Deputación, ou outras vías de traballo que poderiamos sacar adiante se queren, como traballar coa plantación de castiñeiros.
Cando unha comunidade de montes torna millonaria, o Concello queda aliviado?
Non sei que dicir. Cada vez temos un papel máis social e ao ter cartos vanse asumindo asfaltados e outras obras que realmente lle corresponderían a outros.
«Non imos dicirlle á xente o que debe propoñer»
ANALIZAN a posibilidade de crear empregos con estes cartos?
Un dos problemas que hai en Curro, como en todas as partes, é o desemprego. Nós temos que contratar servizos para manter o Plan do Monte, pero non queremos que o faga persoal sen experiencia, que só saiba desbrozar e non podar, ou facer un rareo. Por iso pensamos nunha acción formativa no noso centro forestal para formar a veciños. Despois habería que contrartar a algúns. Non máis de cinco ou seis, porque non sería viable unha cuadrilla desas dimensións. O importante agora é saber se a Xunta nos homologará eses cursos e as instalacións. A cantidade a investir, non a sei, pode estar en torno aos 80.000 ou 100.000 euros ao ano.
Está descartado que fagan reparto de divisas como en 2007?
Nós non imos dicirlle á asemblea o que ten que propoñer, pero agora non é como en 2007, cando repartimos 1.500 euros a cada un dos 130 comuneiros. A nova lei pon impedimentos: hai que ter un investimento do 40% no monte, obra social e, se sobra, presentar un informe á Xunta, que debe dar permiso e obriga a ter un 40% de reserva con respecto ao que se reparte, e ademais hai que pagar unha elevada cantidade de impostos. É difícil fiscalmente e pouco viable en comparación con outros beneficios que si podemos ofrecer como actividades gratis, ludoteca gratis, o pago doutros servizos. Podería dotarse toda a parroquia con Internet, por exemplo, ou cubrir outras necesidades que teñen os veciños e que lles permitan aforrar a todos esas mismas cantidades na súa vida diaria sen ter tantas complicacións.
O Concello de Barro viviu unha ‘choiva de millóns’ nas últimas semanas e chegou tan discretamente, no medio dunha crise económica tan brutal, que os afectados apenas dan sinais de recibir grandes ingresos.
A Deputación procedeu, no último mes, ao abono do justiprecio das expropiacións do terreo do polígono Barro-Meis e calcúlase que o desembolso das mesmas puido superar os dez millóns de euros, entre a cantidade da expropiación e os intereses de demora por non pagar no seu día. Máis de cinco millóns de euros leváronllos as tres comunidades de montes que achegaron parte do terreo ocupado polo polígono, as da Portela, Curro e, en menor medida, Agudelo, mentres que o resto foi a parar a particulares: un dos afectados ingresouse un millón de euros, outra familia cunha importante cantidade de chan ocupado ingresou unha cantidade superior e un gran número de veciños de Curro embolsáronse unha media de 30.000 euros.
O polígono Barro-Meis construíuse no ano 2006 sobre preto de medio millón de metros de chan rústico e forestal con acordo a unhas expropiacións executadas pola Deputación cun prezo de nove euros o metro cadrado. Nin as comunidades de montes afectadas, nin os particulares estiveron de acordo e as apelacións ante o Tribunal de Expropiación de Galicia non se fixeron esperar. Chegaron a reclamar 59 euros por metro cadrado. A decisión final foi a de conceder un justiprecio de 22 euros por metro, que se converteron en prezo definitivo o pasado 23 de marzo de 2011, cando o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou as dúas primeiras sentenzas sobre a apelación da primeira parcela, de 88.000 metros, e doutra superficie coñecida como ‘Leira de Mon’ que era a terceira máis importante das que compuñan o polígono en canto a tamaño.
O presidente da Comunidade de Montes de Curro, Miguel Anxo Maquieira, suscitou ao delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, a posibilidade de realizar un curso de formación destinado a formar a veciños da parroquia en traballos forestales.Segundo apuntou Maquieira, actualmente é necesario poñer en marcha traballos de limpeza, mantemento e recuperación do monte desta parroquia situada no municipio de Barro. “Resultou moi afectado polos incendios de 2006, e aínda que se fixeron algúns labores de limpeza, o certo é que nestas zonas hai moita maleza que limpar, de face a telo preparado para a próxima época estival”, explicou o presidente dos comuneros.O objectivo da reunión mantida onte co delegado territorial foi presentar este proxecto ante a Administración autonómica “de face a coñecer cales son os pasos a dar para solicitar a posta en marcha deste curso e a súa correspondente homologación”.
Tal e como lle trasladaron a Cores Tourís, a Comunidade de Montes quere, por unha banda recuperar o monte e por outro “buscar unha solución de traballo a veciños desta parroquia, moi afectada pola crise”.
O curso sobre traballos forestales e recuperación de montes sería impartido no Centro Forestal de Curro. “Queremos coñecer cales son os pasos a dar para a súa homologación, xa que se trata dun edificio que conta con aulas, almacén, accesibilidad e duchas”, asegurou Maquieira.
A través do Inem
O grupo que se forme nesta aula, “que terá que ser reducido para garantir unha mellor formación”, poderá posteriormente dedicarse a labores profesionais nos montes desta parroquia. “Deste xeito, os alumnos terían que ser veciños da parroquia e serían eligidos, iso si, a través do Inem”, engadiu o presidente da Comunidade de Montes.
Tourís trasladoulle a existencia dun decreto polo que se crea o rexistro de centros e entidades de formación para o emprego que regula a acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego na Comunidade autónoma.
A parroquia de Curro conta, na actualidade, cuns 800 veciños mientres a Comunidade de Montes de Curro gestiona 344 hectáreas incluídas dentro do Plan de Ordenación realizado pola Xunta de Galicia. Destas 344, 192 hectáreas atópanse conveniadas coa Administración autonómica.
A Consellería de Medio Rural e Montes publicou a lista de resolución de desistencia das solicitudes de axuda para o fomento da silvicultura financiadas polo Feader e convocadas en 2011.
A lista, de catro páxinas, cita ata a 80 comunidades de montes, entre as que hai catro da comarca que se quedaron sen subvención. Trátase das de Curro e Agudelo, en Barro; da de San Xusto, en Cotobade e da de Soutomaior no mesmo municipio. As catro presentaron incompleta a documentación. Á súa vez, os comuneiros de Tourón (Ponte Caldelas) renunciaron á subvención.
Á marxe das pancartas dos negocios, a plataforma da PO-531 instalou unha xeneral nun terreo propiedade da comunidade de montes de Curro. Segundo explicou onte o seu presidente, Miguel Maquiera, o lema da pancarta xoga coa campaña «Onde vivimos, importa» impulsada pola Consellería de Política Territorial, de quen depende o proxecto de amplicación do viario. Así, lese: «Aos de Curro, onde vivimos, se nos importa. Non ao proxecto dá PO-531».