A revisión do Catastro levada a cabo pola Deputación para a recadación do imposto de bens inmobles (IBI) entre os
concellos que teñen delegadas no organismo provincial a recadación de tributos permitiu detectar, só na comarca de Pontevedra case mil cincocentos inmobles que non pagaban. O impacto na recadación non se fixo esperar. E como anunciou o presidente provincial, Rafael Louzán, o pasado venres, as arcas dos 53 municipios adheridos ao programa percibirán este ano sete millóns de euros máis que no 2011.
Aínda que no incremento da recadación tivo tamén unha notable influencia a medida do Goberno de Mariano Rajoy que establece unha subida do 10 % sobre o valor catastral dos inmobles, a actualización dos catastros permitiu detectar un elevado número de vivendas que antes eludían o pagamento do imposto.
O incremento da recadación dáse en practicamente todos os municipios analizados na comarca: Barro, Caldas, Campo Lameiro, Cotobade, Cuntis, A Lama, Moraña, Portas, Poio, Ponte Caldelas e Vilaboa. Con todo, hai un caso singular e dáse en Sanxenxo.
O municipio turístico, que experimentou un notable crecemento urbanístico nos últimos anos, recadou menos. A última revisión do Catastro outórgalle mil trescentos inmobles máis que no 2011. Con todo, o número de inmobles que satisfixeron o pagamento do imposto caeu en 122. Aínda así, Sanxenxo é de longo o concello da comarca, á marxe de Pontevedra e Marín -que xestionan as súas propias recadacións-, que máis ingresa por IBI. Foron este ano 4,7 millóns de euros. O total dos 53 municipios afectados ascende a 42,3 millóns de euros.
42.525000
-8.647222