Os 38 funcionarios que traballan actualmente no Parque de Bombeiros de Pontevedra encárganse de atender non só as situacións de emerxencia dos máis de 80.000 habitantes da cidade, senón tamén as daqueles municipios veciños que non contan con servizo de extinción. Non obstante, o número de intervencións que os Bombeiros realizan nos concellos limítrofes foi descendendo de forma exponencial durante os últimos seis anos.
Tal e como reflicte a memoria de 2013 do Servizo Municipal de Extinción de Incendios e Salvamento, o ano pasado leváronse a cabo doce actuacións noutros municipios, unha cifra que contrasta de xeito moi significativo coas 50 asistencias efectuadas en 2008, as 43 de 2009 e as 36 de 2010. A baixada resulta tamén notable en relación coas 20 intervencións que se realizaron fóra das fronteiras do concello de Pontevedra en 2011 e as 21 de 2012.
Marín e Poio son, con diferenza, os dous municipios veciños que maior dependencia teñen dos servizos do Parque de Bombeiros situado no ámbito Das correntes. Ambos os dous rexistraron un enorme descenso de actuacións dos servizos de extinción da cidade nos últimos catro anos, en especial Marín: das 14 de 2008, as 16 de 2009 e as 15 de 2010 pasouse a só dous en 2013. No caso de Poio, trátase do concello limítrofe no que se efectuaron maior número de intervencións o ano pasado (sete), unha cifra bastante afastada das 16 realizadas en 2008, as 11 de 2009 e as 15 de 2010.
Os Bombeiros levaron a cabo o ano pasado unha única actuación en Vilaboa (fronte ás sete de 2008 e as catro de 2009), outra en ponte Caldelas (efectuáronse tres en 2008, catro en 2009 e cinco en 2010) e outra en Cotobade (en 2008 foron cinco). O Servizo Municipal de Extinción non atravesou nin unha soa vez as fronteiras doutros municipios da órbita de Pontevedra, como A Lama, Soutomaior e Barro.
Nun contexto no que continúa no aire o debate sobre a necesidade de crear un servizo de carácter comarcal, as intervencións en concellos do ámbito supuxeron en 2013 apenas un 4% das 304 saídas de emerxencia nas que interviñeron os Bombeiros de Pontevedra.










