O Alcalde de Barro non comparte a Lei do Aborto que prepara o PP

bng barroO Alcalde de Barro non comparte a Lei do Aborto que prepara o PP e recoñece que a actual funciona ben

O PLENO DO CONCELLO DE BARRO APROBA DÚAS MOCIÓNS DO BNG PARA QUE NON SE LLE CORTE A LUZ ÁS PERSOAS SEN RECURSOS E CONTRA A LEI DO ABORTO

No Pleno do Concello de Barro celebrado onte foron aprobadas dúas iniciativas do BNG, unha por unanimidade e a outra coa abstención do PP.

A primeira dela facía referencia á necesidade de garantir o subministro eléctrico ás persoas sen recursos. A parte resolutiva desta moción constaba de tres puntos:

  1. 1.     Solicitar da Xunta de Galiza a realización das modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza e, entre tanto, a adopción de medidas prácticas para evitar as dramáticas consecuencias desta problemática nos fogares galegos máis desfavorecidos.
  2. 2.     Demandar do Goberno do Estado español que non incremente o recibo da luz para o 2014.
  3. 3.     Solicitar do Goberno do Estado español que permita a creación dunha tarifa eléctrica galega que, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, posibilite unhas menores tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas.

A segunda moción facía referencia á nova Lei do aborto que está a preparar o PP e que supón un grave retroceso de décadas nos dereitos das mulleres á súa saúde sexual e reprodutiva. Ese proxecto de Lei pretende unicamente aplicar o programa ideolóxico dos grupos ultra relixiosos que se opoñen aos dereitos das mulleres.

O moción presentada polo BNG e aprobada cos votos tamén do PSOE instaba, na súa parte resolutiva, á Xunta de Galiza a:

  1. Demandar do goberno do Estado (e ao Ministro de Xustiza) o mantemento e aplicación da Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.
  2. Pór en marcha as medidas necesarias para garantir que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación.
  3. Garantir que a información que reciben as mulleres con carácter previo ao consentimento da interrupción voluntaria do embarazo sexa obxectiva. Para este fin, eliminaranse as referencias á Red Madre na información que facilite a Xunta de Galiza.
  4. Pór en marcha unha campaña de formación e información sobre métodos anticonceptivos, fundamental para evitar embarazos non desexados e prácticas sexuais de risco.

Neste punto o alcalde de Barro recoñeceu que non compartía a nova Lei que está a tramitar o goberno español e que a actual funciona perfectamente. A abstención do grupo popular debeuse, nas súas palabras, a que agarda que o proxecto de Lei se modifique na súa tramitación parlamentar.

Barro, 31 xaneiro de 2014

Xosé Manuel Fernández Abraldes

A APERTURA DE PLICAS DO MERCADIÑO MUNICIPAL OUTRO EPISODIO ESPERPÉNTICO

bng barroDespois de seis anos de celebración do mercadiño de maneira irregular pola falta de pago por parte da empresa concesionaria vimos de asisitir no día de onte a outro episodio máis do esperpento no que se converteu todo o proceso de adxudicación. Xa cando se adxudicou inicialmente, o BNG advertíu da falta de seriedade das persoas que o ían xestionar, pois todos sabiamos dos problemas que xa tiveran noutros concellos. Despois de seis anos sen pagar o canon obrigatorio ao concello co consentimento do goberno municipal o alcalde tomou a decisión de rescindir o contrato, non porque non pagaran, senón porque as irregulariedades do mercadiño fixerono ter que declarar na fiscalía en varias ocasións ante diversas denuncias. O seguinte episodio disparatado de todo isto vivímolo no mes de setembro, cando vimos nos medios de comunicación o intercambio de opinións entre o alcalde e a organización do mercadiño, que a pesar das reiteradas advertencias de que non se montaría máis o mercadiño por serlle retirada a concesión, desoíndo a orde do alcalde, o mercadiño montouse igualmente.

O último episodio, vivido onte, afonda máis no esperpento de todo o proceso. Foron presentadas dúas propostas ao concurso público de explotación do mercadiño. Aínda que formalmente se pretenderon vender como propostas independentes, para o BNG xa resultou sospeitoso que foran presentadas conxuntamente. Esas sospeitas confirmáronse cando ao abrir os sobres da documentación se confirmou que documentos que faltaban nunha proposta estaban no sobre da outra. De todas maneiras, ademais de estar documentación misturada, a documentación era incorrecta, polo que o concurso ficou deserto.

Polo tanto, desde o BNG exixímoslle ao alcalde que actúe en consecuencia e cumpra escrupulosamente coa legalidade e actúe con total transparencia polo ben dos veciños de Barro.

FEIRA

MOCIÓN para garantir o suministro eléctrico a persoas sen recursos

bng barro

Sr. Alcalde:

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro, presenta a seguinte MOCIÓN para garantir o suministro eléctrico a persoas sen recursos.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

En Galiza hai máis de 650.000 persoas que están en situación de pobreza e 120.000 en estado de pobreza severa; hai 93.000 fogares con todos os seus membros no paro -12.000 máis que o ano pasado- e existen máis de 33.000 fogares sen ningún tipo de ingresos, confirmando datos terríbeis de pobreza infantil que no Estado español acada a cifra de 2,2 millóns de nenos e nenas por baixo do limiar da pobreza ou que 6 de cada 10 familias chegan con maiores dificultades a fin de mes.

Aos recortes, ao copagamento nos servizos públicos ou á restrición no acceso a sanidade, hai que engadir a redución nas prestacións por desemprego, xunto coa futura eliminación de servizos que se prestan nos concellos, por causa da reforma local, ou as reformas que afectarán subsidios por desemprego ou as pensións. Estas medidas agrávanse coa permanente redución dos orzamentos do Estado español e da Xunta, e que, co encarecemento da enerxía, sexa o gas ou a electricidade, o desemprego ou a falta de recursos económicos, provocan cada vez máis vítimas da política de desamparo que desenvolven os gobernos do PP no Estado e na Xunta de Galiza contra a cidadanía en xeral. Cada vez máis persoas quedan sen prestacións ao esgotaren as axudas de protección social, sen emprego, sen fogar ou sen poder afrontar o pagamento de hipotecas, alugueres ou servizos básicos como a luz, o gas… ou simplemente poder alimentarse.

O goberno local non só debe garantir por medio da administración municipal e dos servizos sociais públicos o apoio as persoas que o precisaren, senón que tamén debe impulsar diante do Estado español e da Xunta de Galiza iniciativas para que a prestación de servizos básicos destinados aos grupos máis desfavorecidos e medidas específicas dirixidas a persoas en risco de exclusión social e con necesidades especiais permitan contribuír a garantir o benestar, a saúde e calidade de vida nesta situación dramática que padecen.

En consonancia con isto, hoxe, outro dos factores de vulnerabilidade para moitas familias galegas é a pobreza enerxética, e concretamente o subministro eléctrico as súas vivendas. Os datos referidos ao Estado español demostran que, antes de comezar a crise económica, o número de familias que sufrían un corte de luz polo impago do recibo da empresa subministradora era de 600.000 e, durante o ano 2012, foron 1,4 millóns de familias as que padeceron este corte no subministro.

En pleno inverno esta situación faise especialmente dramática pensando que se poidan producir cortes do subministro en fogares sen recursos, un feito que agudizará aínda máis as penosas condicións de vida das persoas que os habitan.

Países europeos, como Francia, limitan durante o tempo invernal os cortes de subministro eléctrico a familias sen recursos que non teñen cartos para pagar o recibo da luz. Alemaña paga a calefacción e o aluguer das persoas en paro de longa duración. Cataluña estuda prohibir os cortes de enerxía a familias na pobreza.

Os niveis e datos de pobreza en Galiza que enumeramos ao principio e as duras condicións climatolóxicas que estamos xa a padecer na entrada deste inverno, fan especialmente necesario que a Xunta de Galiza adopte medidas diante desta problemática para evitar as súas dramáticas consecuencias.

O goberno do Estado español xustifica o fortísimo incremento do recibo da luz dos últimos anos nun suposto déficit tarifario. Así, argumenta que o prezo da electricidade non cobre os custos de produción.

Porén, isto é falso. A trampa reside na metodoloxía utilizada para o cálculo do custo de produción a través de poxas no mercado maiorista, o coñecido como “pool” eléctrico. Antes da liberalización do sector, ligábase o prezo da enerxía ao custo real de produción de cada unha das tecnoloxías. Na actualidade, o prezo final da electricidade no mercado maiorista vén determinado polo prezo da última oferta en ser aceptada. Isto significa que, dada a existencia de tecnoloxías que producen a uns custos moi inferiores, este sistema xera uns beneficios exaxeradamente elevados aos propietarios desas instalacións de produción; son os coñecidos no sector como “beneficios chovidos do ceo”, sobre todo no caso de enerxías case amortizadas como a hidroeléctrica e a nuclear. Cabe, por tanto, opoñerse con absoluta rotundidade a incrementos no recibo da luz eléctrica que só fan engordar as contas de resultados das grandes compañías eléctricas. Cómpre avogar, pois, por uha reforma a fondo da normativa do sector eléctrico, tanto para corrixir os denominados inxustos e elevados beneficios que se xeran co formato actual de poxas de enerxía no mercado maiorista, co que se poría fin á escalada no incremento do déficit da tarifa, como para retornar a un modelo de maior intervención e control nun servizo esencial como o subministro eléctrico aos fogares, cuxa liberalización demostrou que beneficia exclusivamente ás grandes empresas enerxéticas a custo dunha política abusiva coa maioría das persoas abonadas.

Esta situación prodúcese nun contexto en que Galiza é excedentaria na produción de electricidade.

Así, mentres padece os custos sociais e medioambientais que supón a xeración eléctrica, non obtén ningún beneficio desta condición.

Por iso, o grupo municipal do BNG, solicita do Pleno da corporación municipal a adopción do seguinte

Instar á Xunta de Galiza ás seguintes cuestións:

1. Realizar as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza e, entre tanto, adopte medidas prácticas para evitar as dramáticas consecuencias desta problemática nos fogares galegos máis desfavorecidos.

2. Demandar do Goberno do Estado español que non incremente o recibo da luz para o 2014.

3. Solicitar do Goberno do Estado español que permita a creación dunha tarifa eléctrica galega que, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, posibilite unhas menores tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas.

Barro, 16 de xaneiro de 2014

Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

POLO DEREITO DA MULLER

O BNG lanza a súa campaña nacional contra a reforma do aborto e polo dereito da muller abraldesa decidir por si mesma sobre a súa maternidade e o seu corpo.

A continuidade do embarazo é unha decisión que compete exclusivamente ás mulleres e non podemos aceptar unha lei que coarta ese dereito. O aborto non é unha decisión fácil para ningunha muller, pero é a súa decisión e non se lle pode obrigar a ningunha muller a continuar cun embarazo que, polas razóns que sexan, non desexa.

O BNG despregará unha campaña por todo o país coa que se pretende informar e concienciar ao conxunto da sociedade para que saiba o que representa esta reforma do PP que lexisla contra as mulleres e as coloca, en termos de seguridade sanitaria, peor que fai trinta anos.

Tamén en Barro faremos unha charla pública sobre a nova lei do aborto. Será o día 15 de febreiro, coa participación do portavoz municipal Xosé M. Abraldes, a xornalista Diana López e a concelleira de igualdade de Pontevedra Carmen Fouces.

Xosé Manuel F. Abraldes

MOCIÓN referente á reforma da Lei do aborto

barro-Moción reforma lei do aborto_Página_1

barro-Moción reforma lei do aborto_Página_2

MOCIÓN contra a impunidade da marea negra do “Prestige”

Sr. Alcalde:bng barro

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, portavoz do BNG no concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN contra a impunidade da marea negra do “Prestige” e a prol da transferencia de competencias marítimas á Xunta de Galiza

 EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A primeira concesión de ENCE é do ano 1959.

ENCE foi condenada pola Sección 4º da AP de Pontevedra – sentenza de 5 de novembro de 2009 – por delito ecolóxico continuado.

Desde finais dos anos sesenta, ELNOSA ocupaba unha importante superficie na marxe esquerda da ría de Pontevedra, entre os municipios de Pontevedra e Marín. Por Orde Ministerial do 15 de decembro de 1971, outorgábaselle a concesión de ocupación dunha parcela de 12,587 metros cadrados ; esa é a parcela resultante da concesión.

Na pasada lexislatura, houbo unha transacción acordada por unanimidade no Parlamento de Galiza, coa fin de retomar as conversas coa empresa para:

  • Atopar unha nova situación respectuosa co medio ambiente, fóra da ría de Pontevedra antes do ano 2018
  • Incentivar novos proxectos empresariais que permitan pechar o ciclo produtivo do papel en Galiza mais fóra da ría de Pontevedra.
  • Impedir calquera tipo de instalación de carácter complementario vinculado ao complexo ENCE, co obxecto de impedir a súa consolidación.
  • Modificar, no Plan de Ordenación do Litoral, a área na que está incluído o complexo ENCE-ELNOSA en Lourizán, integrando este complexo na área de protección costeira que lle corresponde.

As directrices de ordenación do territorio que se aproban definitivamente por decreto 19/2011 do 10 de febreiro (DOG 22 de febreiro) e o plan territorial integrado denominado plan de ordenación do litoral (POL) aprobado definitivamente polo decreto 20/2011 do 10 de febreiro (DOG 23 de febreiro) inciden na nosa opinión, non do xeito correcto, no proxecto sectorial aprobado pola Xunta (caducado e declarado ilegal por varias sentenzas) para o asentamento industrial en Lourizán (ENCE) e no propio complexo industrial contaminante (condenado por delito ecolóxico) de ENCE-ELNOSA.

Malia petición expresa do Concello de Pontevedra e das sentenzas que declaran que non é conforme a dereito o acordo aprobatorio do proxecto sectorial de ENCE, a CMATI segue a esixir do Concello de Pontevedra que recolla no seu novo PXOM as determinacións do proxecto sectorial aprobado no seu día pola Xunta, e aínda por riba –como patente demostración de nula intención do PP por resituar o complexo referido e devolver os terreos usurpados á ría– a nova modificación aprobada polo Parlamento do Estado da Lei de Costas (Lei 2/2013), racha coa previsión do horizonte temporal do 2018, para permitir ou habilitar unha privatización encuberta de dominio público de todos e todas as galegas 75 anos máis, en beneficio dunha entidade privada e contaminante e que está a impedir o crecemento económico e social da comarca de Pontevedra.

De facto, vai posibilitar que a empresa estea 135 anos na ría, isto supera con creces a idade máxima dun ser humano, o que supón unha grande fraude ao carácter demanial “constitucionalmente imprescritíbel” do espazo que ocupa o complexo industrial.

A Consellaría de Medio Ambiente ten na súa man a potestade para renovar ou non a autorización ambiental integrada (AAI) preceptiva para o mantemento da actividade industrial das dúas factorías: A de ENCE estará vixente até decembro 2015; a de ELNOSA até o día 6 de xaneiro de 2014.

A CMATI vén de asinar recentemente un protocolo con ELNOSA que suporá prórroga da súa AAI até o 2017, poñendo de manifesto con este acordo o PP a súa intención de seguir traballando pola consolidación en Lourizán do complexo industrial en beneficio de dúas empresas privadas.

Polo exposto solicitamos do Pleno Municipal o seguinte ACORDO,

  1. O Pleno do Concello de Barro manifesta a súa oposición a calquera posíbel prórroga á presenza de ENCE-ELNOSA na ría de Pontevedra máis alá do 2018, ano no que chega ao seu remate a concesión outorgada a ambas empresas en terreos de dominio público, e a necesidade irrenunciábel do abandono desta ubicación con anterioridade a esta data tope.
  2. O Pleno do Concello de Barro manifesta a súa oposición a calquera posíbel renovación das AAI´ s , preceptivas para o mantemento da actividade industrial do complexo industrial así como a recente prórroga a ELNOSA até 2017.
  3. O Pleno do Concello de Barro insta á Xunta de Galiza a declarar a expresa caducidade do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do asentamento industrial de ENCE en Lourizán conforme a sentenza que declaran que non é conforme a dereito.
  4. O Pleno do Concello de Barro insta á Xunta de Galiza, a que, no exercicio das súas competencias en ordenación do territorio en atención ao interese público e a utilidade social, proceda de xeito inmediato a redacción, tramitación e aprobación dunha modificación da Disposición Adicional terceira do POL, co obxectivo irrenunciábel de abordar conxuntamente as accións de rexeneración restauración e reordenación do ámbito de recualificación para os terreos actualmente ocupados polo complexo industrial, que a modificación da lei de costas tenta cercenar. (PROPOSTA DE MODIFICACIÓN NO ANEXO)
  5. Dar traslado do presente acordo á Xunta de Galiza ao Parlamento de Galiza e a Plataforma 2018.

Barro, 15 de novembro de 2013.

Xosé Manuel Fernández Abraldes

MOCIÓN contra o canon de SOGAMA

Sr. Alcalde:bng barro

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, portavoz do BNG no concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN contra o canon de SOGAMA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

  1. A Lei 10/1997, de 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos da Galiza, e o Plano de xestión dos residuos sólidos urbanos da Galiza atribúen a condición de xestor nas operacións do proceso de xestión de residuos á Sociedade Galega de Medio Ambiente S.A. (SOGAMA).
  2. A xestión do tratamento de residuos encomendada a SOGAMA foi acompañada do estabelecemento dun canon por parte dos concellos, fixado en 55,91 euros por tonelada de lixo tratada e mais o IVE.
  3. Agora, o goberno do PP introduce nos orzamentos da Xunta de Galiza a revisión do canon para acadar os 74,64 euros por tonelada tratada, sen IVE, o que vai supor un incremento de preto do 34% para os máis de 290 concellos adheridos. A razón esgrimida é allea á relación entre os concellos e SOGAMA, ao ser unha decisión política adoptada polo Goberno central do PP na súa política de reforma do sector eléctrico, que impón recortes nas tarifas para percibir pola coxeración eléctrica. Ante a caída de ingresos que sufrirá SOGAMA pola xeración de enerxía, óptase por cargarlle á cidadanía novamente este recorte en lugar de o facer sobre os beneficios das empresas xeradoras de enerxía.
  4. Esta medida unilateral do PP, sen coñecemento nin participación dos concellos adheridos no proceso de toma de decisión, pretende un incremento desproporcionado e abusivo que se repite, como noutros ámbitos por parte do Goberno do PP, pola adopción de medidas dirixidas a salvar ás grandes empresas corporativas transnacionais, e neste caso pola decisión cuestionábel da reforma eléctrica que favorece o oligopolio das grandes empresas enerxéticas, e penaliza as fontes de xeración alternativas.
  5. Ademais, non só se pretende con esta suba compensar as perdas presentes e previsíbeis que ten SOGAMA, senón pasar a ter uns beneficios de preto de 7 millóns de euros a conta da cidadanía galega que verá repercutido este canon nos recibos que cobran polo servizo de recollida de lixo aos concellos. Este feito é especialmente grave cando SOGAMA nin sequera trata todo o lixo que recibe e carece de sentido transportalo para rematar nun vertedoiro.
  6. Esta proposta de incremento desmesurado dos custos de tratamento do lixo por parte de SOGAMA vén a confirmar as denuncias feitas con anterioridade polo BNG sobre o fracaso do proxecto SOGAMA e o Plano de Residuos Sólidos Urbanos implantado polo PP na Xunta de Galiza. Os feitos acontecidos desde a aplicación dese plano demostran seren falsas as afirmacións -do Goberno galego e de SOGAMA- de que se trataba da opción máis respectuosa desde o punto de vista ambiental e con máis vantaxes económicas. Desde o punto de vista ambiental, SOGAMA insiste na incineración dos residuos sólidos urbanos co fin da súa valorización enerxética, sen ter en conta outros principios reitores no tratamento do lixo de maior importancia ecolóxica, como a redución, a reutilización directa e a reciclaxe de residuos, a compostaxe, e a proximidade no tratamento, cuxa consideración prioritaria no deseño dun modelo de xestión do lixo, ademais de supor un modelo de xestión máis sustentábel ambientalmente, traduciríase nunha contención de custos.
  7. Ademais, os problemas detectados de acumulación de residuos e vertidos no complexo de SOGAMA demostran que nin sequera unha porcentaxe significativa dos residuos se valorizan ou se reciclan, senón que simplemente se enterran.
  8. Por outra banda, desde a aprobación da Lei 10/1997, os sucesivos Gobernos do PP na Xunta tiveron empeño en impedir a existencia de plans alternativos como o iniciado no Morrazo, que foi desmontado por gobernos municipais do PP ou como o que se está a desenvolver pola Mancomunidade da Barbanza, que se executa a pesar do PP, que puxo trabas, sobre todo no que atinxe a acceder a axudas nas condicións cando menos análogas ás que tivo SOGAMA. En todo caso, son modelos que priorizan a reciclaxe e compostaxe e mostran custos máis sensatos, para alén de crear máis emprego directo. De feito, a transformación de modelo de xestión dos RSU podería supoñer uns 2.000 novos postos de traballo con base en proxectos de comarcalización, cun menor custo ambiental e redución do custo de transporte.
  9. Cómpre lembrar a falta de colaboración dos gobernos do PP na Xunta de Galiza, pola decisión política de asignar, case na súa totalidade, os recursos públicos para o tratamento de residuos sólidos a financiar SOGAMA e afogar os modelos de xestión diferentes que se aparten da valorización enerxética do lixo. Mesmo planos estatais recolleron os criterios de proximidade no tratamento e que a fracción orgánica do lixo se tratase prioritariamente por procedementos distintos á incineración.
  10. A Xunta de Galiza, a través de SOGAMA ou doutras entidades que se crearen, preferentemente de tipo comarcal, debe ofrecer á cidadanía e aos concellos galegos modelos de xestión dos residuos alternativos á incineración e ao vertido. Só dentro dun modelo así poden facer unha política de prezos que favoreza os tratamentos ecolóxicos (recollida selectiva de calidade, reciclaxe, compostaxe) e penalice a recollida sen separar e o vertido e a incineración. Nun escenario deste tipo podemos reducir fortemente os custos de tratamento e evitar o incremento das taxas. Mentres tanto, aumentar os pagos a SOGAMA é financiar a ineficiencia ambiental e a destrución de recursos e empregos.

Por todo isto, solicitamos do Pleno da corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

Instar á Xunta de Galiza a:

  1. Retirar dos orzamentos do próximo ano o incremento previsto do canon de SOGAMA que deben satisfacer os concellos.
  2. Que calquera modificación que se pretenda pase obrigatoriamente por un consenso coa FEGAMP e cos concellos implicados, coa participación de SOGAMA e da Consellaría con atribucións en medio ambiente.
  3. Revisar en profundidade oPlan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza 2010-2020, eliminando a previsión de construír un nova incineradora de residuos urbanos e apoiando un modelo que supere Sogama, mediante proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe, que posibilite a creación de emprego e alcanzar os obxectivos e recollida selectiva e reciclaxe dos modelos en funcionamento máis avanzados.

Barro a 13 de novembro de 2013

Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

O PP decide gastar 81000 € nun terreo do monte sen saber se se vai facer algo nel

Outro exemplo de desplifarro de diñeiro público.bng barro

O PP decide gastar 81.000 € nun terreo do monte sen saber se se vai facer algo nel.

O PP aprobou a compra dos terreos embargados ao Pontevedra CF no monte do Rapadiño en Perdecanai por 81.000€. O BNG opúxose a este acordo, pois non é razoable que cando o concello malamente pode pagar as nóminas dos funcionarios, cando é incapaz de investir na mellora dos servizos públicos, cando non é quen de pagar as débedas que ten con entidades do concello, ou cando non dá pagado os máis de 100.000 euros a veciños do concello de Barro pola expropiación das súas propiedades, gaste 81.000 euros dos que non dispón nun terreo no monte, por moi barato que pareza.

O máis preocupante é que o alcalde contestou que non sabe para que quere ese terreo. A única explicación que dá é que lle parece barato e que xa se verá o que se pode facer nel, pero tampouco sabe como se vai pagar, pois retirouse da Orde do Día a petición dos cartos á caixa de anticipos da Deputación, dado que debido á situación económica do concello non se poden pedir cartos para iso.

O PP vai ter difícil explicarlle aos veciños e viceñas de Barro que despois de fritilos a impostos para tapar os buratos da súa nefasta xestión económica, destine 81.000€ que se sacan dos petos da xente para comprar un terreo que non se sabe sequera se vai servir para algo ou vai estar a toxos, como está outra parcela do monte no que tamén se gastaron fai uns anos 30.000 euros por outra improvisación e arroutada dun goberno que leva malgastado moito diñeiro e que ten sumido o Concello nunha situación económica alarmante á vez que ten aos veciños sen uns servizos dignos dos impostos que pagamos.

No pleno no que o PP decidiu esa compra quedaron claras tres cousas:

  • Que se compran os terreos porque segundo o alcalde están baratos pero non se sabe a que se van dedicar
  • Que non saben como o van pagar
  • Que os veciños de Barro aos que se lle deben 100.000 euros en expropiacións non se lles paga porque se “botaron ao monte” ao reclamar uns prezos xustos polas súas propiedades.

O BNG nunca vai ser cómplice destes despropósitos, destes despilfarros, e desta maneira improvisada e chapuceira de gastar o diñeiro público, o diñeiro de todas e todos.

CHARLA INFORMATIVA “En defensa da sanidade pública”

O 15 de novembro o BNG de Barro continua coas charlas sobre o aniquilamento dos servizos públicos. Desta volta o eixo será a SANIDADE PÚBLICA; falaran sobre a intención de privatizala que ten o Partido Popular e como está a levar a cabo a privatización. Tamén falaran de como os recortes mermaron a súa calidade, do crecemento da lista de espera, do copago sanitario, do peche de camas nos hospitais e de toda a actualidade que rodea a sanidade.

Intervirá Xosé Manuel Fernández Abraldes , portavoz local, e a deputada Montse Prado.

CHARLA BNG

O Orzamento de Barro para o 2014 destaca polo nulo investimento en obras e servizos e unha forte carga impositiva

Apenas o 7% do orzamento está adicado a investimentosbng barro

A nefasta xestión económica do PP ao longo de moitos anos lévanos unha vez máis a uns orzamentos sen investimentos, e no que a grande cantidade de impostos e taxas que temos que pagar os veciños e veciñas de Barro van na súa totalidade a tapar os buratos económicos provocados nestes anos, e aos gastos correntes do concello.

O orzamento para o 2014 ascende a 1.857.700 euros, dos cales só se adican a investimento uns míseros 132.000. E estes non teñen a garantía de que se efectivicen.

As débedas acumuladas ao longo dos anos xa obrigaron ao concello a pedir un crédito en maio do 2012 por valor 1.162.908 euros para poder facerlle fronte. Son débedas que hipotecan o noso futuro, e por moitos impostos que paguemos os veciños de Barro non vemos mellorados os servizos.

Por estes motivos o BNG rexeita un orzamento que non sirve para mellorar as nosas condicións de vida, e vai facer que moitos dos nosos veciños que están a pasar por moi mala situación económica o pasen aínda peor por uns impostos a todas luces abusivos.

Pero os pufos económicos do concello seguen sen afrontarse na súa totalidade. Mentres o pago aos bancos está garantido, débeselle miles de euros a entidades do noso concello, o que está a poñer en risco o seu funcionamento. Por outra banda no orzamento tampouco aparece ningunha partida para pagar os máis de 100.000 euros que se lle deben a veciños e veciñas de Barro, en concepto de expropiacións dos seus terreos para distintas obras municipais. A lei obriga a pagar nun prazo de seis meses as expropiacións, pero estes veciños levan moitos anos esperando a que o goberno municipal lles pague o que e seu. Non deixan de ser uns estafados máis polas políticas do PP.

O concello de Barro sempre foi dos primeiros en aprobar os orzamentos. Pero uns orzamentos non sirven para nada, se non son útiles para mellorar a vida das veciñas e veciños. E neste caso non só non a melloran, senón que a precarizan aínda máis coa forte carga impositiva que padecemos.

Barro, 31 de outubro de 2013

Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

Un futuro negro para o ensino público

Un ensino público, gratuito, universal e de calidade é a garantía de ter unha sociedade igualitaria, xusta e con futuro.

As medidas que se están a tomar polos gobernos do PP van no sentido contrario: buscan desmantelar o ensino público, acabar coa igualdade de oportunidades e retroceder 50 anos coa finalidade de que só poidan ter acceso á educación @s fill@s das clases acomodadas.

É por iso que desde o BNG non nos resignamos e facemos todo o posíbel por loitar contra estas medidas, informando a toda a sociedade do negro futuro que nos espera de non conseguirmos paralos.

wert

PROPOSTAS DO BNG PARA O NOVO CONCURSO DE XESTIÓN DA FEIRA DE BARRO

Despois da negativa experiencia que supuxo a celebración do mercadillo dos bng barrodomingos ao longo destes anos é necesario corrixir o prego de condicións do novo concurso para evitar que se volvan a repetir os problemas que ocasionou a falta de control por parte do goberno municipal e a abandono á hora de forzar a empresa concesionaria a cumprir coas súas obrigas.
Dende o BNG facemos as seguintes propostas para incorporar ao prego de condicións:
• O cambio de situación do mercadillo para evitar todas as molestias que levan sufrindo os veciños e veciñas do entorno do mesmo ao longo destes anos.
• A prioridade absoluta para que os comerciantes e vendedores ambulantes de Barro que o desexen poidan instalar un posto no mercadillo nas mesmas condicións que os demais vendedores.

• Evitar que os anteriores xestores, tanto de forma directa como con empresas
interpostas, volvan a quedarse coa organización do mercadillo mentres non paguen as débedas que teñen co concello.
O ideal sería que o concello xestionara directamente o mercadillo, pero somos conscientes da incapacidade do goberno municipal para unha boa xestión do mesmo, por iso xa que se lle vai dar a concesión a unha empresa privada, polo menos o goberno municipal ten que garantir que no primeiro incumprimento das súas obrigas a citada concesión será retirada.
Barro, 26 de setembro de 2013
Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

FEIRA

MOCIÓN referida á posta en valor do castro Sete Fontes no monte da Chan en Agudelo

bng barro

Sr. Alcalde:

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, portavoz do BNG no concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN referida á posta en valor do castro Sete Fontes no monte da Chan en Agudelo

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O patrimonio histórico é un elemento a coñecer, coidar e poñer en valor tanto para o coñecemento do noso pasado como pola riqueza económica que pode xerar, pola cantidade de visitantes e atractivo turístico do mesmo.

No Castro de Sete Fontes realizáronse obras de escavación e valoración do seu xacemento no ano 2007. Procedéndose á documentación dos restos atopados naquela pequena intervención e que deixou claro a grande riqueza patrimonial que no mesmo se atopa.

A Deputación de Pontevedra ten un Plan en colaboración coa Xunta de Galiza e os concellos de 2,5 millóns de euros para a limpeza, escavación e musealización de xacementos arqueolóxicos na provincia. A este orzamento a Deputación pretende engadirlle unha importante cantidade de diñeiro que solicita do Ministerio de Fomento en base ao denominado 1% de interese cultural das contratacións públicas.

Neste Plan aparecen os castros de todos os concellos da provincia que contan con este tipo de patrimonio menos o concello de Barro.

Por todo o exposto, o Pleno do concello acorda aprobar a seguinte

MOCIÓN:

Dirixirse á Deputación de Pontevedra para solicitar a inclusión do Castro Sete Fontes no monte da Chan en Agudelo no Plan para a recuperación, escavación e posta en valor do patrimonio histórico da provincia, tendo en conta a gran importancia deste castro para o coñecemento da nosa historia e como motor económico para o concello

Barro, 13 de setembro de 2013.

Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

CASTRO SETE FONTES BARRO

MOCIÓN referida ao uso e ampliación das instalacións deportivas

Sr. Alcalde:abraldes

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, portavoz do BNG no concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN referida ao uso e ampliación das instalacións deportivas

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A carencia de instalacións deportivas no noso concello é de sobra coñecida e por iso que as poucas que temos deben estar perfectamente equipadas para a súa utilización e ao mesmo tempo hai que darlle o maior uso posíbel.

En Barro xa tivemos un pavillón de deportes que se pudriu por falta de uso tendo que construírse un novo, que debe ter unha utilización intensiva e a disposición de todas as persoas do concello que queiran practicar deporte nel.

Temos tamén unha pista de tenis recente pero que ten algunhas carencias. Unha delas é un enganche eléctrico en precario e non se permite aos usuarios e usuarias o encendido do alumeado da pista para poder utilizala mais horas, sobre todo no inverno cando disminúe o número de horas de iluminación solar. Tamén carece de vestiarios e servizos no seu entorno o que causa un importante trastorno.

Pola importante afición que existe do deporte do tenis en Barro a pista ten moito uso, chegando a celebrarse importantes competicións organizadas polo clube de tenis (mesmo un trofeo que se celebrou este ano dentro da programación da festa do viño). Esas competicións cunha soa pista resultan moi dificiles de organizar polo importante número de inscritos e inscritas e polo tanto teñen que habilitarse outros espazos deportivos existentes para facilitar a súa celebración.

O Pavillón de deportes municipal está preparado para disputar nel varios deportes diferentes, tamén para o tenis, polo que só é necesario mercar unha rede e pintar o campo de xogo. Ao mesmo tempo resolvería a falta de vestiarios e servizos que ten a pista de tenis e podería utilizarse tamén os días de choiva. 

Está redactado un proxecto da Deputación Provincial para dotar o campo de fútbol municipal de herba sintética. Ao norte dese campo queda unha franxa de terreo sen ocupar que podería habilitar como unha pista multiusos na que poder practicar tenis, baloncesto, etc…

Por todo o exposto, o Pleno do concello acorda aprobar a seguinte

MOCIÓN:

  1. Habilitar o pavillón municipal de deportes para a practica tamén do tenis, e que se autorice o uso do mesmo a todos os veciños e veciñas de Barro que o soliciten para a practica do deporte.
  2. Que se dote a pista de tenis dunha conexión eléctrica segura, e se permita o encendido do alumeado cando sexa necesario. Que se instale tamén no entorno unha fonte de auga potábel que de servizo aos usuarios da pista de tenis e do parque infantil próximo.
  3. Dirixirse á Deputación Provincial para solicitar a habilitación do espazo que queda sen ocupar ao norte do campo de fútbol como pista multiusos.

Barro, 15 de setembro de 2013.

Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

O BNG de Barro presenta unha MOCIÓN referida á construción dun campo de herba sintética

bng barro

Sr. Alcalde:

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, portavoz do BNG no concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN referida á construción dun campo de herba sintética

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

       

  1. As persoas que practican o futbol en Barro teñen que facelo en vellos campos de terra nos que resulta difícil a práctica do deporte nunhas boas condicións.
  2. Nos últimos anos a Deputación construíu campos de herba sintética na maioría dos concellos da provincia, mesmo en concellos pequenos como o noso que contan con campos de herba natural, pero Barro quedou á marxe.
  3. Non é fácil explicarlle aos nenos e nenas que van xogar os seus partidos a outros concellos, e ven que alí teñen unhas instalacións modernas, que eles non teñen o mesmo dereito a disfrutar dunhas instalacións iguais.
  4. No BNG somos conscientes de que non estamos no mellor momento para facer equipamentos deste tipo, e que as prioridades de investimentos deben ser outras.
  5. Non obstante, estanse realizando campos modernos nos concellos que ainda non o tiñan, e o Presidente da Deputación ten  anunciado a súa intención de construir novos campos de herba sintética mesmo en parroquias de concellos que xa contan con campos destas caracteristicas, mentres se sigue a discriminar os veciños e veciñas de Barro.
  6. En setembro de 2008 o BNG presentou unha moción no concello para solicitar da Deputación a dotación de herba sintética ao campo de futbol municipal, pero o PP votou en contra, coa desculpa de que lle costaba moitos cartos ao concello.
  7. Neste momento estase construindo un campo destas caracteristicas en Moraña, pagado integramente pola Deputación, polo que ao concello de Barro non ten por que costarlle diñeiro tampouco.
  8. Os veciños e veciñas de Barro tamén teñen dereito a contar cunhas instalacións deportivas dignas como no resto dos concellos da provincia.

Por todo o exposto, o Pleno do concello acorda aprobar a seguinte

MOCIÓN:

Solicitar da Deputación provincial a dotación de herba sintética ao campo de futbol municipal.

 

Barro, 20 de agosto de 2013.

ABRALDES Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes