O BARRO CF CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA A IX RAXOFESTA E REÚNE A 400 DEPORTISTAS NO TORNEO SAN BREIXO

A festa gastronómica do Barro CF ofrecerá baixo carpa no campo de Outeiro diversas variedades de raxo a prezos de 4 a 8 euros

Barro, 24 de setembro de 2025.
O campo de fútbol de Outeiro, en Barro, acolle esta fin de semana unha doble cita gastronómica e deportiva, organizada, en ambos casos, polo Barro C.F.

Por unha banda, o sábado 27 celébrase a VIII edición da RaxoFesta, o evento gastronómico do Barro CF que, un ano máis, terá o seu espazo baixo carpa na contorna do campo de fútbol de Outeiro co fin de recadar fondos para o club.

Así, segundo explica o presidente do Barro CF, José Sanmartín, a RaxoFesta 2025 celebrarase nunha carpa que permanecerá instalada durante toda a xornada do sábado na entrada do campo de fútbol para ofrecer degustacións de raxo en catro variedades de elaboración propia: en empanada, en bocata, con patacas e á pementa.

Todas as racións terán prezos populares de entre 4 e 8 euros e os horarios de apertura da carpa serán de 13h a 16h e de 20h a 00h.
A sesión vespertina estará amenizada coa música dun DJ.

Paralelamente, ao longo do sábado e o domingo celebrarase, tamén no campo de Outeiro, o Torneo San Breixo nas categorías de benxamín, alevín e un cuadrangular prebenxamin.

Competirán preto de 400 deportistas de vintecatro clubes da provincia, entre eles o Pontevedra, o Porteiro 2000, o Caldas, o Cuntis, o Catoira, o Pontearnelas, o Portas, o Mosteiro e, por suposto, o anfitrión o Barro CF.

O presidente do Barro CF, José Sanmartín, en nome da directiva, anima á veciñanza a asistir a ambas citas e agradece a colaboración das empresas e entidades que fan posible esta iniciativa coas súas aportacións en materiais, loxística ou productos.

Deixar un comentario