BARRO CELEBRA A SÚA I XORNADA APÍCOLA PARA POÑER EN VALOR A LABOR DAS PERSOAS APICULTORAS E A IMPORTANCIA DAS ABELLAS.

O Concello de Barro converterase o vindeiro domingo 1 de xuño nun punto de encontro para a divulgación e posta en valor da apicultura, grazas á I Xornada Apícola de Barro, organizada pola Asociación Cultural Barosa. O evento, que terá lugar na Escola de Cangrallo (Barro) a partir das 11:00 horas, busca destacar os beneficios ambientais desta práctica tradicional e o papel esencial que xogan as abellas na preservación dos ecosistemas.
Ao longo da xornada, o público asistente poderá mergullarse no fascinante mundo das colmeas a través de actividades pensadas para todos os públicos.
Esteban Jamardo, presidente da A.C. Barosa e apicultor local, será o encargado de guiar a sesión, que comezará cunha exposición didáctica sobre os compoñentes dunha colmea, os produtos apícolas máis comúns e os perigos que ameazan actualmente á poboación de abellas.
Despois da charla introdutoria, haberá unha demostración práctica dunha colmea real, que permitirá comprobar en directo como viven e traballan estes insectos, que son imprescindibles para a biodiversidade. As persoas asistentes
que o desexen incluso poderán participar na extracción de mel, empregando material facilitado polos apicultores e apicultoras locais.
Como colofón, a xornada rematará unha cata de diferentes tipos de meles, unha oportunidade para descubrir matices, así como para aprender a recoñecer a súa calidade.
Esta iniciativa, aberta ao público, nace coa intención de fomentar a conciencia ecolóxica, visibilizando o importante traballo das persoas que se dedican a coidardas abellas e preservar o seu hábitat.
Para máis información: Esteban Jamardo (647742581)

Deixar un comentario