A Concellería de Igualdade de Barro conmemora este ano o 8M coa creación dunha “galería de mulleres favoritas” na que poderán figurar todas as mulleres de Barro “dende cero a infinitos anos”.
Para elo, a veciñanza que o desexe deberá enviar unha fotografía da súa muller favorita ao correo electrónico oficinas@barro.es ou ao WhatsApp 616659787 e explicar nun texto de 120 caracteres máximo os motivos que a converten na súa elexida.
Todas elas recibirán un cadro coa súa imaxe que, tras formar parte da exposición, lles será entregado na festa do 8M que se celebrará o propio sábado 8 de marzo no Pazo da Crega a partir das 20.00 horas.
O evento estará amenizado por un dj, haberá servizo de bar e disporá dun photocall.
“Con esta iniciativa pretendemos reivindicar á importancia da muller expresada por cada veciña e veciño de Barro nomeándoa como a súa muller favorita, que pode ser dende unha aboa ata unha filla, esposa ou calquera persoa relevante na súa vida”, explica a Concelleira de Igualdade Lía Rodríguez.
