BARRO RENOVA A ILUMINACIÓN PÚBLICA EN 22 PUNTOS DAS SEIS PARROQUIAS 

O Concello de Barro ven de executar unha actuación de mellora da iluminación pública nas seis parroquias do municipio.

O proxecto, que contou cun orzamento de 25.161 euros financiado a través do programa Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, forma parte da aposta da Concellería de Obras e Servizos pola mellora enerxética mediante tecnoloxía led, que, ao tempo, redunda na calidade do servizo ofrecido á cidadanía.

Tal como explica o Tenente de Alcalde e Concelleiro de Obras e Servizos, José Sanmartín, nesta fase renováronse un total de 22 puntos de luz nos lugares de Lardoeira e Valbón na parroquia de Agudelo, Outeda, Fonte de Curro e Bretoña na parroquia de Curro, Porriña na parroquia da Portela, Gándara na parroquia de Perdecanai, Mane na parroquia de Barro e Piñeiro na de Valiñas.

“Consideramos que son actuacións fundamentais que, por unha banda, melloran a iluminación pública das zonas frecuentadas pola veciñanza e, por outra, permiten un maior aforro enerxético e aumentan a sostebilidade”, indica Sanmartín.

A intención de Sanmartín é continuar con este tipo de actuacións noutras zonas do municipio en sucesivas fases do plan.

Deixar un comentario