BARRO CREARÁ POR PRIMEIRA VEZ A MESA LOCAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O equipo socialista de goberno do Concello de Barro celebrou este martes a primeira reunión para crear a Mesa Local Contra a Violencia de Xénero. 

Será un organismo de carácter consultivo que se establecerá por primeira vez no Concello de Barro para coordinar o traballo das áreas implicadas co fin de garantir a atención e seguimento ás víctimas de violencia machista.

O Tenente de Alcalde, José Sanmartín e a Concelleira de Igualdade, Lia Rodríguez, recibiron na Casa Consistorial á xefa da unidade contra a violencia de xénero da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy, para consensuar as bases e protocolos da iniciativa.

Durante o encontro, ao que tamén se uniu a responsable municipal de Asistencia Social, abordáronse temas relevantes relacionados con esta problemática e a situación que atravesa o concello en canto a casos violencia de xénero.  

Tamén se trataron os principios do Plan Director e as accións que se desenvolverán entre a comunidade escolar e a veciñanza en xeral. 

A Mesa Local Contra a Violencia de Xénero estará presidida pola Concelleira de Igualdade, Lía Rodríguez, con representación institucional da Xunta de Galicia, a Subdelegación do Goberno, entidades e colectivos sociais, así como todas as forzas políticas de Barro.

Dentro das iniciativas que se porán en marcha, a Concellería de Igualdade que dirixe a socialista Lia Rodríguez deseñará un Plan de Acción polas parroquias para achegar información sobre temas de interés como a prevención de estafas ou a xestión emocional do duelo, entre outras. 

Dende o Concellería tamén se está traballando nas actividades do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que se levarán a cabo nos primeiros meses do vindeiro ano.

Deixar un comentario