
A decisión da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) de instalar tres cámaras de vixilancia do uso
do cinto e o móbil ao volante na N-541 (entre Pontevedra e Cotobade), na N-550 á altura da rotonda de Médico Ballina, e na autovía de Marín, elevará a rede deste tipo de dispositivos na comarca, que xa conta con polo menos unha ducia de cámaras e outro catro radares de velocidade.
Segundo a información oficial da DXT, no trinta quilómetros da AP-9 entre Caldas (quilómetro 110) e a entrada por Vilaboa na ponte de Rande (quilómetro 147) existen nove cámaras de control da circulación. Tres delas están situadas no municipio de Vilaboa, e xa en Pontevedra sitúanse á entrada da ponte da ría desde Salcedo (quilómetro 131), no nó de Bombeiros (129), e en Campañó (127). Ademais hai outra na Barca, en Poio (quilómetro 130) e outra máis no nó de Curro que enlaza a autoestrada coa autovía do Salnés (119). En Caldas contrólase con cámaras a ligazón do quilómetro 110.
A N-550 entre Pontevedra e Caldas conta con dúas destes aparellos, un deles na rotonda de Médico Ballina, onde se reforzará co control de cinto e móbil, e no quilómetro 90 entre Caldas e Valga. O nó do Pino é outro dos puntos vixiados con estes dispositivos, así como a conexión entre a PO-10 e a AP-9 en Salcedo. Pola súa banda, existe xa unha cámara na autovía de Marín á altura do nó de Mollabao, no seu quilómetro 1,3, pero a DXT programa outro cincocentos metros máis adiante, para sancionar as infraccións co cinto e o móbil. Este último apartado será o que tamén se controle na estrada de Ourense entre Pontevedra e Cotobade.
Ademais destes dispositivos, existen varios radares de velocidade na autoestrada en Mollabao, na N-550 e na N-541. A esta rede de cámaras súmanse as que están instaladas en estradas que non son de titularidade do Estado, como a autovía do Salnés (tamén con dous radares fixos) e as que manexa a Policía Local no centro urbano de Pontevedra.