Desde que comezou a crise, un total de 4.747 persoas emigraron ao estranxeiro desde os concellos da área de influencia da capital -A cidade do Lérez recibiu o pasado ano a máis persoas das que se marcharon
Os movementos de poboación nos 14 municipios que forman a área de influencia de Pontevedra nos últimos oito anos veñen claramente marcados polos devastadores efectos provocados pola crise económica. Unha panorámica das migracións que se produciron na comarca neste período permite observar claramente cales foron os anos máis duros de recesión e como a mala situación do tecido empresarial e a escasa oferta laboral converteron uns concellos que no seu practica totalidade eran receptores de inmigrantes en concellos que pasaron a exportar man de obra.
O Instituto Galego de Estatística acaba de publicar os datos referidos aos movementos de poboación que se produciron en 2014 e estes deixan resultados dispares entre os distintos municipios da comarca. Pontevedra volve aparecer (como ocorre con outros indicadores como o crecemento vexetativo) como unha das cidades que mellor resisten o problema da perda de poboación, neste caso non pola diferenza entre nados e falecidos, senón por frear ese éxodo de pontevedreses que se iniciou nos anos 2007 e 2008 co estalido da burbulla inmobiliaria e o comezo da crise.
No entanto, noutro municipio como Marín ou Sanxenxo, parece que esta sangría migratoria non ten fin e seguen vendo como moitos dos seus veciños parten en busca dunha vida mellor a outra localidade, a outra comunidade autónoma ou a outra provincia.
Segundo os datos do IGE, desde 2007 deixaron a comarca un total de 51.786 persoas para establecerse noutra provincia, comunidade autónoma ou país. O peor ano, sen dúbida, foi o 2011 cando 6.656 persoas deixaron algún dos 14 concellos da área. Tras un lixeiro descenso, o número de emigrantes o pasado ano foi o segundo máis alto de toda esta serie, cun total de 6.640.
Desde hai anos, distintas formacións políticas e sindicatos están a advertir dunha nova onda de emigrantes desde Galicia ao estranxeiro como tristemente xa ocorrera no pasado. Se temos en conta as saídas de veciños da comarca que se producen unicamente ao estranxeiro, desde 2007 un total de 4.747 veciños da comarca víronse obrigados a buscar unha oportunidade laboral e a forxar un proxecto de vida noutro país.
Neste punto, detéctase claramente como a crise ha ir obrigando aos pontevedreses, cada vez máis, a buscar oportunidades máis aló das fronteiras españolas. Se en 2007 eran 490 os habitantes da comarca que emigraban a outro país, en 2014 foron un total de 778, a cifra máis alta destes últimos oito anos, fronte aos 765 do ano anterior. É aquí onde Pontevedra capital parece que foi capaz de conter de mellor forma ese éxodo de habitantes ao pasar de 360 emigrantes ao estranxeiro en 2013 a menos da metade (171) en 2014.
Poio que logrou diminuír o número de emigrantes que se van no seu conxunto, non evitou con todo un importante incremento das persoas que se van ao estranxeiro e Marín é outro dos municipios que o ano pasado bateu a súa marca de emigrantes desde que se iniciou a crise cun total de 191 veciños que se foron a buscar fortuna a outro país, un número aínda maior que o da propia capital. Un dos casos máis singulares é o de Sanxenxo que case cuadriplicou o seu número de emigrantes nun ano pasando de 52 en 2013 a 180 no pasado exercicio.
Ademais, Pontevedra compensa esta perda de poboación coa recepción doutros migrantes. O ano pasado o saldo entre as persoas que deixaron á cidade e as que se estableceron nela volveu ser positivo despois dun primeiro resultado negativo en 2013.
Saldo migratorio
Con todo, o saldo migratorio no conxunto da comarca é negativo debido a que noutras localidades como Caldas (con -21), Cuntis (-19), Marín (-228), Campo Lameiro (-16) A Lama (-1), Ponte Caldelas (-25) ou Sanxenxo (-198) reciben menos habitantes dos que optan por marchar.
Outros concellos con balance migratorio positivo á parte da capital son Moraña (9), Portas (45), Barro (41), Cotobade (32), Poio (48) e Vilaboa (67).

