A pesar de que foi unha promesa do PP en plena campaña ás municipais -dúas ministras, a de Fomento e a de Medio Ambiente anunciárono en presenza do entón candidato, Jacobo Moreira-, o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2016 esqueceu incluír algunha partida para dar continuidade ao paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín.
Por iso o BNG incluirá este proxecto nunha das emendas que o grupo nacionalista presentará no Congreso. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a deputada Olaia Fernández Dávila deron conta onte das propostas que farán os nacionalistas, que suman só na comarca pontevedresa partidas por algo máis de catro millóns de euros.
Con respecto ao paseo peonil na PO-11, Lores non ocultou a súa estrañeza polo «esquecemento» do Goberno de Rajoy, xa que tanto desde Costas como desde a demarcación de Estradas do Estado reclamouse recentemente información ao Concello sobre o proxecto xa executado ata Mollavao e o anteproxecto proposto para seguir cara a Marín. A proposta do BNG é que se dote unha partida de 200.000 euros, «alo menos para iniciar a tramitación».
Hai, segundo os nacionalistas, máis actuacións xa previstas e que tampouco teñen o seu reflexo nos orzamentos. É o caso da humanización da N-541 (estrada de Ourense) entre Pontevedra e Soutelo de Montes, proxecto para o que se insta unha dotación no 2016 de 2,5 millóns de euros. Lores recordou que o tramo no termo municipal de Pontevedra incluíuse no convenio con Fomento asinado no 2009, «e incluso o voceiro do PP local anunciou que estaría en execución en decembro do 2013».
Nó de Bombeiros
Tampouco figura no proxecto de orzamentos ningunha alusión á reforma do nó de Bombeiros. Neste caso, o alcalde admitiu que «hai dúbidas» sobre si a execución corresponde ao Ministerio de Fomento ou á concesionaria da AP-9, pero como queira que o proxecto non está nin sequera redactado, proponse a dotación dun millón de euros.
Máis cuantiosa é a emenda dos nacionalistas para impulsar a execución completa da A-57 ata o polígono de Barro-Meis. Expoñen que se doten tres millóns de euros para licitar os tramos A Ermida-Pilarteiros e Pilarteiros-Barro.
O BNG tamén proporá que se instalen pantallas de protección sonora no tramo urbano da AP-9 na contorna da ponte da Barca (70.000 euros) ou que se aproveite o vello trazado do tren entre Pontevedra e Soutomaior para crear unha senda peonil e ciclista (100.000 euros). Con respecto ao resto da comarca, proponse impulsar os proxectos de senda peonil e ciclista entre A Barca e Lourido (400.000 euros) e entre Campelo e A Seca (100.000); elevar os pasos de peóns na N-550 ao seu paso por Arcade (10.000 euros); ou melloras de seguridade viaria na mesma estrada ao seu paso por Barro (300.000 euros).

