O proxecto de instalación do parque eólico en terreos comunais do monte Acibal acaba de recibir a autorización definitiva e os traballos de construción poderán comezar nas próximas semanas.
Esta infraestrutura, que recibirá o nome de parque eólico Acibal, ocupará terreos dos concellos de Moraña, Barro e Campo Lameiro e contará con catro aeroxeradores de 119 metros de alto e 3.000 quilowatts de potencia, así como unha estación transformadora.
O orzamento co que conta a empresa Norvento S. L. para acometer a obra supera os quince millóns de euros e conta cun prazo de execución de sete meses, a contar desde o momento en que se ocupen os terreos. A produción anual da estación será de 33.802 megawatts hora, o equivalente ao que consumen 8.000 fogares.

