A A-55, a estrada cos puntos negros máis perigosos de Pontevedra

diario_pontevedra

Os últimos datos da DXT confírmano: a A-55 é a estrada cos puntos negros máis perigosos de toda a provincia de Pontevedra e na que máis vítimas non mortais se rexistran nun ano, sendo 88 no ano 2013.

Dos 20 tramos perigosos existentes en todo o territorio provincial, 14 sitúanse na autovía. Segundo os datos de hai dous anos, tres son especialmente conflitivos: o punto quilométrico 7,2, con nove accidentes; o quilómetro doce, con doce, e o 27, con nove. Os outros seis viarios que presentan percorridos cunha alta concentración de sinistros son a AP-9, no punto quilométrico 148; a EP-2006, no km 2,8; a EP-4006, no 6,1; a N-120, no 650,8; a N-550, no 110,9, e a VG-20 no punto quilométrico número 12. Neles producíronse un total de 62 accidentes no ano 2013.

A maioría dos sinistros debéronse a unha saída da vía, o que supón 74 dos 106 totais. Foron 29 os causados por colisión, e os tres restantes distribúense entre as causas de atropelo, envorco e outras circunstancias. Vigo e Mos son os dous municipios nos que se concentran os tramos citados, con sete cada un. En terceiro lugar atópase Tui, ao que pertencen tres dos tramos. Os dous últimos corresponden ao Porriño e Barro. Entre eles está o tramo da ponte de Rande, na AP-9. Os sinistros prodúcense sobre todo en tramos descendentes.

Non é de estrañar que a A-55 sexa o viario co maior número de radares fixos da provincia, con seis en total, distribuídos desde o quilómetro cinco ata o 15.

http://diariodepontevedra.galiciae.com/gl/nova/431432/55-estrada-cos-puntos-negros-mais-perigosos-de-pontevedra

rande_0

Deixar un comentario