As choivas deste ano foron escasas e as reservas de moitos mananciais e ríos da provincia están en mínimos. As precipitacións que caeron estes últimos días non serviron para moito á hora de recuperar os caudais, polo que esta tempada estival os concellos esfórzanse por garantir, na medida do posible, a subministración ás vivendas. Desde que comezou o verán detectáronse problemas de abastecemento en polo menos sete concellos da metade norte da provincia de Pontevedra. Hainos de todo tipo, municipios do interior e tamén algún costeiro. As obras de mellora de redes e construción de alternativas como as realizadas por Acuaes na ría de Pontevedra evitaron que o problema sexa maior, pero as dificultades polas que pasan algúns concellos xa teñen efecto na vida cotiá dos seus veciños. A problemática e as medidas adoptadas son variadas, porque cada caso é distinto, pero nesta lista están Barro, Cotobade, Portas, Ponte Caldelas, Marín, A Estrada e Lalín.
En Marín, o problema da auga é endémico na parroquia de Seixo. A redución do caudal na rede xeral procedente do Lérez ten como consecuencia a perda de presión nas billas dos pisos máis altos en Otero Ulloa e o Camiño Vello. O Concello viuse obrigado a alternar a subministración ás vivendas co abastecemento tamén imprescindible a unha fábrica de refrescos que dá traballo a moitas familias da zona no verán. Está previsto que as dificultades non se repitan o próximo ano, porque xa estará en servizo a rede alternativa de Acuaes, que garantirá unha maior capacidade de subministración a Marín desde Pontevedra. Ese sistema funcionou na outra beira da ría e Sanxenxo e Poio, con ducias de miles de visitantes en xullo e agosto, non han ter problemas.
En Ponte Caldelas, os veciños de Caritel levan semanas sen auga nas súas billas durante a noite. É o único xeito de garantir que si terán servizo durante o día. Neste caso trátase dunha rede veciñal privada.
Pola súa banda, os gobernos locais de Portas, Barro, Cotobade e Lalín emitiron bandos ou solicitado publicamente aos seus veciños que se conteñan no consumo e que non utilicen a auga das redes municipais para regar hortas, xardíns e parques. Nas zonas rurais do interior da provincia os veciños están adoitados á utilización de pozos, polo que poden ter unha marxe de autonomía, máis ou menos amplo, mentres non cheguen as choivas do outono.

