A presidenta da Deputación, Carmela Silva, denunciaba onte que a “actividade frenética” de Rafael Louzán no seu último mes de como presidente deixou á institución “sen recursos”. Unha medida que sorprendía tamén ao vicepresidente, César Mosquera, que cualificaba de “pouco elegante” a situación por parte do goberno saínte.
Deste xeito Silva informaba sobre a situación das contas da administración provincial. Do Plan Provincial de Obras e Servizos, indicaba a presidenta que do seis millóns de euros de libre disposición, “quedan 245 euros”, mentres que os 1,5 millóns de libre concorrencia, o anterior goberno xa adxudicou todos, “por tanto estamos a cero”, sinalou Silva.
En canto ao Plan de Acción Municipal, dedicado a actividades culturais, deportivas e sociais, a dotación da partida de 800.000 euros en concorrencia e 200.000 en libre disposición, quedan 45,12 e 18.833 euros, respectivamente, e que xa están adxudicados. O mesmo ocorre co Plan de Acción Comunitaria, dotado cun millón de euros para asociacións e entidades sen ánimo de lucro, que contan a mes de xullo con 65,18 euros para xestionar no resto do ano.
“Consumíronse total e absolutamente a xullo de 2015 todas as partidas”, declaraba Carmela Silva, que se negou a cualificar “esta actividade frenética para repartir os fondos” por parte de Louzán, sinalando que “o anterior goberno non tivo a ben permitir que houbese recursos para que no semestre que queda o novo goberno puidese tomar decisións para pór en marcha as novas políticas” o que “non porá freo a este goberno, todo o contrario, dános impulso”, concluíu. Nese sentido, Mosquera sinalou que agora se poderán traballar no novo orzamento “con calma” e engadiu que esta situación “ten pouca transcendencia para o futuro”.

