O goberno local busca unha nova vida para os edificios públicos en desuso

a voz

A falta de actividade e desuso na que están sumidos algúns dos edificios municipais do concello de Barro está a piques de tocar ao seu fin. O novo goberno ten o obxectivo de aproveitar ao máximo os recursos do concello e xa está planeada a recuperación de inmobles como a escola taller ou o vello consistorio, para os que están proxectados novos usos de carácter social e cultural.

O primeiro dos edificios que recobrará unha actividade habitual relacionada coa música, a cultura e o folclore será o local da escola taller, un dos edificios máis amplos dos que dispón o Concello. Ata o momento, este inmoble estaba a servir como almacén de maquinaria e, eventualmente, acollía algún ensaio de agrupacións folclóricas, que solicitaban usar estas instalacións cando non dispuñan doutro lugar máis adecuado.

Operarios do concello traballan xa nestas dependencias para despexar a planta baixa do edificio e acondicionala da mellor forma posible para convertela en pouco tempo no lugar de ensaio permanente para as agrupacións culturais do municipio como a Banda de Música Municipal ou o grupo de danza Amor Ruibal. «Queremos que este local quede a disposición destes grupos culturais», afirma o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes (BNG).

Outros inmobles que o concello espera reconverter proximamente son algunhas das escolas unitarias pechadas ou o antigo consistorio, que está deshabitado desde o traslado do goberno ao novo concello en marzo. Instalar na vella casa consistorial unha estafeta de correos era unha das metas pretendidas polo anterior executivo. Con todo, este edificio necesita un importante investimento para reformalo, polo que aínda non se prevén cambios a curto prazo.
concello de barro

Deixar un comentario