A formación do goberno bipartito en Barro encara xa a recta final e o pleno para constituír a nova corporación podería celebrarse o 3 de xullo.
Na pasada noite do martes, representantes de BNG e PSOE mantiveron unha reunión na que deixaron perfiladas a composición e o número de comisións informativas. Tamén decidiron establecer unha única dedicación exclusiva, é dicir, un só soldo, que recaería en mans do novo rexedor, Fernández Abraldes. Outra idea que comparten ambos os grupos é a implantación de canles que faciliten a participación cidadá na vida política.
Os pormenores do acordo faranse públicos cando as asembleas de cada partido ratifiquen o acordo, algo que podería ocorrer este fin de semana. A continuación, fixarán unha data para constituír a nova corporación, que será, salvo sorpresa, o 3 de xullo.

