Abraldes reúnese coas comunidades de montes para crear en Barro os consellos de participación

PORTADA faro-de-vigo

O BNG expón ao PSOE a dedicación exclusiva do alcalde, que deberán ratificar as asembleas 

O Concello de Barro retoma aos poucos a súa actividade. A Festo do Viño, que resultou un éxito de participación e organización por parte da nova corporación, fixo atrasar a axenda política do municipio, pospondo as reunións no bipartito formado por BNG e PSOE acabou co nomeamento de Xosé Manuel Ferández Abraldes como alcalde. O pasado martes as reunións retomábanse, nun encontro no que o BNG propuxo a dedicación exclusiva para Abraldes, así como unha proposta conxunta para dotar ao Concello de consellos de participación.

No encontro entre BNG e PSOE do pasado martes analizáronse os resultados da Festa do Viño, o que se podería mellorar de face a outras edicións, aínda que o encontro estivo dominado pola axenda política. Fixéronse propostas a nivel de concellerías, así como posibles cambios de organización con respecto a como viñan sendo, e a periodicidade das comisións informativas.

Por primeira vez desde o inicio das negociacións, o BNG pediu a dedicación exclusiva para Abraldes. “A alcaldía consome moito, máis de 12 horas diarias para atender aos veciños e agora mesmo estou a atender tamén ao meu traballo, pero necesitas de todas as horas polo ben de Barro”, indicaba Abraldes onte. O rexedor é director comercial nunha editorial. Como no resto das propostas, as respectivas asembleas nacionalista e socialista deberán ratificar ou non as propostas da reunión.

Como principal novidade, Barro pasará a contar con Consellos de Participación Cidadá. “A participación é unha prioridade para nós e ata agora non había nada así”, sinalaba Abraldes. A idea é que se cre unha comisión por cada unha do seis parroquias, ademais doutras comisións por sectores, como un de cultura ou deporte. Para iso, o novo goberno púxose ao choio e reuniuse onte coas xuntas directivas das diferentes comunidades de montes para trasladarlles a súa proposta. “As comunidades de montes son as principais entidades parroquiais e teñen un papel social importante e cremos que debe ser un actor principal para traballar en conxunto con Barro”, indicaba Abraldes.

Festa do viño

Doutra banda, o rexedor destacou a Festa do Viño como “un éxito de programación e participación”. En total repartíronse máis de 200 quilos de sardiñas e máis de 1.000 botellas de viño das adegas de Denominación de Orixe das adegas participantes, ao que hai que engadir o caldo das adegas dos colleiteiros, aínda sen contabilizar.

“A experiencia foi moi boa grazas á xente que colaborou e aos máis de medio centenar de veciños que tabajaron como voluntarios”, indicou Abraldes, que espera repetir nas próximas edicións “dando máis importancia ao viño de Barro”.

http://galego.farodevigo.es/portada-pontevedra/2015/06/25/abraldes-reune-comunidades-montes-crear/1266400.html#

abraldes XUNTA DE MONTES

Deixar un comentario