Barro vén de rachar con 32 anos de hexemonía do PP grazas ao pacto BNG-PSOE que liderará Xosé Manuel Fernández Abraldes. Este director comercial que acaba de ser investido alcalde quere a máxima transparencia para o Concello e moita participación: vai leva
XOSÉ MANUEL Fernández Abraldes ten ‘cascada’ a voz. No tempo que pasou desde que xurou o seu cargo como alcalde -no día da entrevista aínda non suma tres xornadas completas no cargo- non parou. Non deixou aínda o seu posto como director comercial nun grupo editorial e pensa compatibilizar ambas tarefas unhas semanas, para que quede ordenado todo no traballo. O novo rexedor de 53 anos ten dous fillos xa de certa idade e sente debilidade pola infancia. Non en van, os cativos de sexto de Primaria do colexio local foron os primeiros en ir velo en recepción oficial. Non fai falla coñecelo moito para decatarse de que é prudente e non move ficha sen pensalo cen veces. Tamén se revelou como home sensible e deixou ver bágoas o día que foi elixido alcalde.
Leva vostede menos dunha semana como alcalde. Que sentiu o día de investidura?
Moitísima intensidade. Ata chegar ás bágoas. Foi unha emoción persoal, en canto a que ser alcalde do teu concello é unha grandísima honra, pero sobre todo colectiva. Nese momento lembrei a Castor Castro (o alcalde da II República represaliado en Barro) e estaban na miña cabeza as súas fillas e a necesidade de loitar porque o concello volvese a abrirse a un ambiente de igualdade. E tamén pensei en José Bermúdez, Pepe o de Curro, Carlos de Triabá, Celso de Búa… Persoas que axudaron nesta loita e que xa non están.
Barro levaba 32 anos confiando no PP. Para moitos veciños foi traumático ver como se perdía a Alcaldía e outros estaban desexando o cambio. Como se viviu isto?
Ata o sábado foi un ambiente de intranquilidade. Por un lado, os votantes do PP non daban crédito a que Landín deixara de ter a Alcaldía, e por outro estaban os nosos, que tampouco o daban crido. Había moita xente que pensaba que podían pasar cousas raras, por iso tanto desde o PSOE como desde o BNG tratamos desde o minuto cero de dar total normalidade. Viámonos tomando cervexas, reunións públicas, con transparencia… O que fixera falla para sacarlle presión á xente que estaba desexando que non pasara nada extraño o sábado, porque a historia está aí.
Hai un compoñente de casualidade na vitoria?
Non, pero non é fácil que se den todas as circunstancias… Un nunca sabe por que quedaron na casa os que deixaron de votar ao PP, ou por que cambiaron o voto os que o cambiaron. Eu, nas miñas responsabilidades comarcais no BNG, sempre lles dixen aos candidatos que deben darse dúas condicións para gañar: primeiro, que o alcalde existente estea a facelo mal, ou estea queimado; segundo, que a alternativa sexa crible. Se non es mellor que o que está, a xente non cambia. Aquí, do esgotamento de Landín xa sabiamos, e o BNG é unha alternativa seria, e o PSOE tamén, pois tamén tivo a súa aportación.
Falando do PSOE, como van as negociacións do pacto?
Rematarán pronto. O luns, pasada a Festa do Viño, volveremos a falar. O Goberno ten que constituirse de xeito inmediato.
Como ve a relación de futuro cos socialistas?
En eleccións tratas de que a túa forza sexa a máis votada e marcas distancia, pero iso xa pasou e temos claro que temos que ter un Goberno único e de solidariedade. Propuxemos áreas definidas, pero interconectadas. Nada de campos estancos. Estando as cousas como están, queremos un Goberno estable e con obxectivos únicos.
O primeiro que dixo Landín dun pacto é que non apoiaría que niguén arranxara a súa vida co Concello. O seu modelo de Goberno superará esa sombra que lle queren pór?
Si, pero aínda non é o momento de falar diso. O único que podo dicir de momento é que ninguén vai arranxar a súa vida económica a través do Concello. Ninguén se presentou ás eleccións para arranxar a súa situación económica. A min o que me gusta é a transparencia total, e unha vez que se celebre a constitución do Goberno, contarase todo por carta aos veciños. Nin esperaremos ao 3 de xullo para constituír o Goberno nin haberá sitio para os ‘díxome díxome’.
Como atopou o Concello?
Debo dicir que non hai facturas pendentes, nin nada debaixo da alfombra. Pode aparecer algún ‘embolado’ de última hora, pero, en térmos xerais, somos moi conscientes da realidade económica de Barro, porque a crise e a obriga de sumarse ao Plan de Pago a Proveedores fixo que o PP tivera que poñerse ao día en moitas débedas, ata o millón de euros. Diso deriva a actual situación, moi limitada e un dos grandes activos. Pero non vai aceptarse que cando todos boten pestes contra algo, iso veña paraBarro» por este motivo tamén se entende que o plantel sexa limitado. Nós, con eses mesmos traballadores queremos mellorar os servizos.
Cal será a acción de Goberno, con esa pouca marxe de manobra?
O que se verá inicialmente será un nivel de transparencia e participación máis grande. O luns reuninme co persoal do Concello; o seguinte será xuntármonos coas comunidades de montes, e posteriormente, coas entidades sociais. Queremos asembleas informativas nas parroquias, que os veciños poidan preguntar polo que lles interesa e comunicación directa. Nada de intermediarios. No eido social, no traballo de paliar os efectos da crise están facendo moito as asociacións e queremos apoialas en todo o que poidamos. Se non hai cartos, haberá colaboración a tope con eles e co voluntariado.
Sobre o polígono Barro Meis, pensa que entra nun momento delicado ao perder o PP tamén a Deputación? Que significará este espazo para vostedes?
O polígono é unha xoia. É un dos grandes activos do Concello e o BNG sempre apostou porque se fixera aí. Outra cousa é como se fixo. Nin estabamos de acodo co bombeo de Portas, nin coa liña de alta tensión, nin coa falta de diálogo cos veciños. Agora, o que nos queda é que as empresas se vaian asentando e consolidando, cando volten a confiar no futuro e a investir. O polígono terá todas as facilidades que permita a Lei.
Pero que tipo de empresas terán facilidades? Tamén as polémicas?
Nós témolo claro: primeiro, non hai que ser alarmistas nas eleccións con determinados temas, como pasou coa compostaxe. Non estamos en contra da compostaxe, senón a favor, pero hai que ver as circunstancias. O que non vai aceptarse é que, cando todos boten pestes contra algo, iso veña para Barro. Nin por contaminación, nin por molestias aos veciños. Pero non imos entrar en demagoxias: hai categorías que para Barro non valen.
Que pasa coa Festa do Viño? Por que lles preocupa tanto?
A xente estao pasando mal e fai falta esparcemento. A festa de convivencia por excelencia en Barro é a do viño e este ano o momento é complicado. Nós, pese a que Landín só deixara contratadas as orquestas, non queremos ter de escudo que os outros non foron quen de facela, e por iso estivemos traballando todos estes días. Teño que agradecer a confianza de contratistas e persoas que aceptaron a palabra dada como sinal para comprometer a súa presencia.
Que será o mellor desta edición?
O mellor é que antes non abarcaba ben a todas as idades e que, este ano, por primeira vez, se centra tamén nos nenos. Hoxe hai unha tarde con hinchables, con partidos de fútbol dos cativos, e unha obra de teatro infantil. Tamén pensamos nos amantes do viño coas noites do viño; nos do mundo do motor, coa concentración de vespas e lambrettas; no ocio cultural, con máis teatro; e na música, con grupos como Son das Tabernas, Airiños da Fracha e Amor Ruibal. E tampouco faltará o certame de pintura rápida, cun premio de mil euros, nin a sardiñada popular, que será o domingo desde as 12.30 horas no entorno da Crega.


