Desde que a crise económica empezase a facer das súas alá polo ano 2008, a situación financeira de miles e miles de familias da provincia de Pontevedra non deixou de deteriorarse mes tras mes. Así o acredita un minucioso informe elaborado pola consultora AIS, que analizou en detalle distintas variables sobre o escenario ao que se enfrontan a día de hoxe os fogares. A conclusión respecto dos ingresos que perciben os pontevedreses é contundente: apenas seis municipios manteñen a día de hoxe nas comarcas de Pontevedra e Arousa unha renda familiar similar á que tiñan no 2011.
Trátase de Sanxenxo, O Grove, Poio, Meaño, Cotobade e Catoira, onde os ingresos das familias oscilan entre os 1.800 e os 2.200 euros ao mes de media, ao mesmo nivel que fai tres anos, de acordo co avanzado polo informe de AIS. A consultora utiliza distintas fontes oficiais para analizar a evolución: Instituto Nacional de Estatística (INE), Ministerio de Facenda…
Sete municipios incrementan a súa débeda
A masiva deterioración da situación financeira das familias que constata o informe de AIS non desatou unha tendencia similar nos consistorios das comarcas de Pontevedra e Arousa. Moi ao contrario, a maioría dos rexedores pontevedreses asumiron nestes tres anos que o que tocaba era apertarse o cinto e son moitos os que se aplicaron a iso para conter a débeda das institucións que lles tocaba gobernar. A costa iso si, en moitos casos, de sufrir o seu para prestar os servizos que demandaban os seus veciños.
Hai no entanto algunhas excepcións. O informe sostén que sete concellos destas comarcas elevaron a súa débeda entre o 2011 e o 2014. Son Vilanova, Portas, Meis, Barro, Catoira, Caldas de Reis e Sanxenxo.
O repunte máis cuantioso é deste último, tendo en conta que o estudo precisa que o Concello turístico elevou os seus números vermellos en máis de dous millóns durante o período analizado.
Os concellos de cabeceira de ambas as comarcas, en contraposición, presentan un comportamento moi positivo neste sentido pois lograron conter os seus números vermellos neses tres anos. Pontevedra, por exemplo, pasou de soportar unha débeda de 290 euros por habitante no 2011 a 230 no 2014, mentres que en Vilagarcía o recorte foi algo máis modesto, pero en todo caso importante: de 513 euros por veciño no 2011 a 499 treses anos máis tarde.
O estudo deixa constancia para rematar dun dato curioso: a existencia de seis concellos que non soportaban ao peche do 2014 ningún tipo de débeda. Trátase dos consistorios de Ribadumia, Meaño, Valga , Pontecesures, Cotobade e Campo Lameiro.
Contención
En todos eles, a contención orzamentaria executada polos seus respectivos gobernos locais estaría detrás dun dato de xeito evidente rechamante.
