O BNG e o PSOE de Barro continúan cos contactos para establecer, por primeira vez na democracia, un goberno de esquerdas no municipio. Os socialistas anunciaban aos nacionalistas a designación dunha comisión negociadora para pactar co BNG. Xosé F. Abraldes, o candidato nacionalista, confía en que as primeiras reunións daranse durante esta semana. O seu grupo obtivo 4 concelleiros e dous o PSOE, cuxa suma supera o cinco do PP.
“Barro é un sitio especial, levamos 32 anos de reinado de Landín polo que pode xerar balbordo e vemos necesario ir articulando para dar tranquilidade aos veciños de que se vai a gobernar de forma distinta”, sinalaba onte Abraldes, tras ser cuestionado polo ritmo ao que se suceden as conversacións para o pacto electoral. E é que onte, o propio José Sanmartín, o candidato do PSOE, comunicáballe a decisión que tomara a asemblea socialista o pasado martes.
Está previsto que o BNG realice a súa propia asemblea este fin de semana, pero aínda non está convocada. “Pódese empezar a negociar antes desa reunión”, apuntaba Abraldes. O obxectivo principal, para o nacionalista é sentar para comparar os programas e marcar os obxectivos de goberno. Pola súa banda, os socialistas priorizarán o pacto co BNG, pero tamén escoitarán ao PP.

