O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN relativa ao abastecemento de enerxía eléctrica ao polígono industrial.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A dotación do abastecemento de enerxía eléctrica ao polígono de Barro é unha necesidade urxente. Resulta inexplicábel que despois de tantos anos o polígono aínda non dispoña dese servizo, imprescindíbel para o asentamento de empresas.
Despois de máis de catro anos de tramitación, comezaron as obras para levar unha liña de alta tensión ao polígono, ao mesmo tempo que estaba de novo o proxecto a exposición pública. Os veciños de Valbón alegaron polo paso da mesma por este lugar.
É comprensíbel a preocupación destes veciños derivada da falta de transparencia e de diálogo con que os gobernos levaron este tema.
As obras consisten na apertura dunha gabia de grande profundidade para soterrar o tendido, polo que a execución das mesmas vai ocasionar molestias. Por iso é preciso que as obras se executen por treitos e coa maior celeridade para minimizar os problemas que unha obra destas características ocasiona.
Por todo isto o Pleno do concello de Barro aproba a seguinte
MOCIÓN:
1. Dirixirse á Xunta de Galiza e á Deputación para que se resolva coa máxima urxencia o novo proceso de exposición pública e a toma en consideración das alegacións dos veciños.
2. Que as administracións manteñan unha permanente vixianza e control para que as obras ocasionen as menores molestias posíbeis tanto aos negocios como aos veciños.
Barro a 24 de marzo de 2015
Xosé Manuel Fernández Abraldes
