Os veciños de Barro luciron onte as súas mellores galas para a posta de longo da súa nova casa consistorial. Os arredores do número 11 de Santo Antoniño foron testemuñas de excepción dun festexo que non quixo perderse ninguén. Todo estaba preparado: música, viño, refrescos, empanada, xamón e demais tapas condimentaron a celebración posterior á inauguración, que alcanzou a súa máxima expresión pasadas as oito da tarde, cando o alcalde José Landín, acompañado por Alberto Nuñez Feijoo eRafael Louzán, deu a benvida a todos os veciños no salón de plenos: «Sodes parte desta casa».
Sobre as prestacións que ofrece a nova sede, o alcalde considera clave unha calidade que marca a diferenza co antigo concello, a accesibilidade. Landín fixo constar no seu discurso o importante que é que calquera veciño poida acudir á casa de todos osbarrenses, á casa do concello. «Agora acceder ao salón de plenos é posible para calquera veciño, antes unha persoa en cadeira de rodas tíñao moi difícil», explicou Landín.
Antes de ceder a palabra ao presidente da Xunta, o rexedor local referiuse directamente a el para eloxiar a súa xestión e aproveitar a ocasión para pedir, insistentemente, a mellora dunha estrada, «señor presidente, a PO-531 necesita unha mellora», comentoulle en repetidas ocasións.
Antes de invitar os veciños alí presentes a coñecer as novas instalacións, tomou a palabra o presidente da Xunta, afirmando que «é unha honra estar en Barro para inaugurar á casa de 3.500persoas». Así mesmo, gabou a xestión do alcalde Landín, «cada vez que me atopo co alcalde, só me fala dunha cousa, do concellode Barro». Tamén Rafael Louzán dedicou unhas palabras á sociedade local: «Barro é un municipio cheo de oportunidades», exclamaba o presidente da Deputación referíndose aos proxectos que están en marcha no municipio, como o polígono de Barro-Meis, ou a recén aprobada modificación do PXOM.
Falar do novo concello chea de orgullo ao rexedor, que define a nova sede como «un edificio austero e moi digno», ademais de engadir que o pobo sae gañando con este cambio, ao dispoñer de maior espazo para as oficinas municipais, incluídos os servizos sociais, «que cada día teñen máis demanda. Situaranse próximos ao resto de oficinas e contan cunha sala de espera para maior comodidade e intimidade», puntualizou. A segunda planta do edificio é «perfecta para actos culturais e usos colectivos», rematou o alcalde.

