Unha trintena de nenos logra a súa praza de gardaría tras a convocatoria extraordinaria

la voz

A mañá de onte foi especial para 31 nenos menores de tres anos da bisbarra de Pontevedra. Foi o seu primeiro día na rede de gardarías da Consellería de Traballo e Benestar (A Galiña Azul), despois de que se beneficiasen do prazo extraordinario convocado en decembro, que se resolveu o pasado venres.

Once municipios contan con este servizo de educación infantil, con 17 centros en total. Deles, en oito houbo onte novas incorporacións, quedando Pontevedra, Bueu e Moraña sen poder habilitar prazas para os demandantes en lista de espera, que ascendían, só na cidade do Lérez, a 242 casos.

De feito, en tres centros (Campus universitario, A Parda e Monte Porreiro) dos seis que existen, habilitárase esta convocatoria, pero non entrou ningún menor, xa que aqueles que tiñan praza asignada formalizaron a súa reserva e non deron pé a que a lista avanzase.

No caso da gardaría do campus existe unha vacante aínda sen cubrir, xa fose de prazo, para a franxa de idade de 2 a 3 anos, a pesar de que se puxeron en contacto con aqueles pais que mostraran interese anteriormente.

No resto da bisbarra destacan os casos de Barro e ponte Caldelas, con seis altas novas e Vilaboa con 5, Cotobade con 4, Portas e Poio con 3 nenos que comezaron curso onte e Campo Lameiro e Marín con 2 en cada caso.

En todos estes centros cúmprese a obriga legal de manter habilitadas os 5% das prazas para situacións de emerxencia social, enfocadas a casos de fillos de mulleres maltratadas, cambios de residencia a metade de curso ou perfís que non cumpran os baremos mínimos de ingresos.

Das 1.059 prazas existentes na bisbarra, hai un total de 53 destinadas a este tipo de alumnos, aínda que a inmensa maioría delas están actualmente sen cubrir.

escola infantil barro

 

Deixar un comentario