O BNG pide que os veciños de Barro poidan utilizar o Centro de Servizos e Apoio Empresarial da Deputación

LOGO PONTEVEDRA VIVA BARRO

O BNG presentou unha moción para o seu debate no Pleno do Concello de Barro referente ao uso do auditorio do futuro Centro de Servizos e Apoio Empresarial por parte das entidades culturais e sociais de Barro.

Segundo explica o voceiro do Bloque, Xosé Manuel Fernández Abraldes, na actualidade Barro é dos poucos concellos da contorna que carece dun espazo minimamente digno para a realización de actividades culturais. Isto leva aos distintos e variados colectivos culturais que existen no municipio a realizar as súas actividades nunhas condicións de extrema precariedade.

O BNG presentou en numerosas ocasións mocións demandando a construción dun centro cultural no municipio que dea resposta ás necesidades dos colectivos sociais, “sen que desde o goberno municipal se tomase nunca en serio dotar a Barro dun equipamento cultural acorde aos tempos que vivimos e ás demandas veciñais”.

Recentemente a Deputación de Pontevedra vén de anunciar a construción dun futuro Centro de Servizos e Apoio Empresarial no polígono industrial de Barro Meis, que leva incluído un auditorio de 170 metros cadrados.

Este auditorio, con pequenas modificacións técnicas sobre o proxecto inicial, podería servir para albergar concertos, representacións teatrais e outras actividades impulsadas polas entidades culturais de Barro, mentres no concello non se constrúa un equipamento cultural axeitado.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal que se dirixa á Deputación para que realice as modificacións necesarias no proxecto para que o auditorio poida albergar concertos e representacións teatrais, e autorizar o uso do futuro auditorio aos colectivos culturais e sociais de Barro sempre e cando non colisionen coa programación da propia Deputación, ou das entidades que ocupen o citado centro.

http://pontevedraviva.com/xeral/17415/bng-pide-vecinos-barro-utilizar-centro-servicios-apoyo-empresarial-deputacion/

isabel

Deixar un comentario