Barro contará cun presuposto de 1,9 millóns no ano 2015

O Concello de Barro contará cun Presuposto próximo aos dous millóns de euros o próximo ano.impostos
O Goberno local, cumprindo cos prazos estipulados pola lei de Bases de Réxime Local, completou esta semana o proceso de aprobación das súas contas coa publicación do cadro resumo do Presuposto no Boletín Oficial da Provincia.
Segundo as contas publicadas polo Concello, unha das principais fontes de ingresos do municipio serán os impostos directos, cunha recadación estimada de 690.000 euros. No apartado de impostos indirectos, está prevista a chegada de fondos por valor de 17.000 euros, mentres que por taxas, prezos públicos e outros ingresos se recadarán 212.700 euros.
Outra das achegas substanciais chegará do apartado de Transferencias Correntes, onde se sitúan os ingresos procedentes das Administracións superiores e que en 2015 poderán ascender a 975.000 euros.
Con respecto á partida de gastos, haberá unha reserva de 200.000 euros para pasivos financeiros, é dicir, devolución de créditos e unha de 107.500 euros para Investimentos Reais. Desta última sairán os fondos para financiar as obras que se afronten este ano. Gran parte do recurso destinarase a persoal, con 487.700 euros de gasto, e a partida de gasto corrente absorbe case todio o resto e sitúase nos 971.000 euros.

Deixar un comentario