O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro, presenta a seguinte MOCIÓN referente á bonificación no imposto de construción a aquelas empresas que se asenten e creen emprego en Barro.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A situación económica e a insoportábel taxa de paro que estamos a sofrer está levando a moitísima xente a unha situación de pobreza inaceptábel. Desta situación non se escapan os veciños e veciñas de Barro, pois moitos deles tamén están a sofrer as penurias causadas polo desemprego. É por iso que as administracións públicas deben facer todo o posíbel para axudar á creación de postos de traballo.
As medidas económicas que poderían corrixir esta situación de forma considerábel correspóndenlle ao goberno español e á Xunta de Galiza, dando un xiro de 180 graos ás políticas que veñen aplicando. Mais dende o goberno municipal tamén se pode tomar algunha iniciativa que axude, aínda que sexa modestamente, a conseguir ese obxectivo de creación de emprego.
Nas mans dos Concellos están bonificar o imposto de construción no máximo que permita a Lei a aquelas empresas que se asenten no noso solo industrial e creen novos postos de traballo no noso concello.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Bonificar o imposto de construción no máximo que permita a Lei a aquelas empresas que se asen-
ten no noso solo industrial e creen novos postos de traballo
Barro, 27 de novembro de 2014
Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes
