Oferta de terreos para un novo colexio

bng barro

Sr. Alcalde:

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro, presenta a seguinte MOCIÓN referente á oferta de terreos para un novo colexio.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O colexio de Barro precisa dende hai anos unha reforma integral, incluíndo un maior número de aulas e a ampliación do recinto escolar.

Cando elaborou o plan de urbanismo o goberno municipal non tivo en conta as necesidades de ampliación da superficie do recinto escolar.

Hai anos que o BNG propuxo que se levasen a cabo as negociacións cos propietarios dos terreos colindantes e os trámites urbanísticos necesarios para a súa posíbel ampliación, sen que o PP mostrara o máis mínimo interese.

Posteriormente o alcalde anunciou, hai agora dous anos, que iniciara os trámites para a construción dun novo colexio, informando que a inspección educativa e a xefatura territorial de Educación eran favorabeis a esta opción.

Mais tamén recoñeceu daquela que non había nada, nin compromisos en firme, nin partidas orzamentarias.

Dende o BNG desconfiamos que a construción do novo colexio vai para longo. De todos os xeitos o Concello debe pór terreos a disposición para obrigar á Xunta a pronunciarse sobre a súa construción.

Un colexio sempre é un equipamento básico que axuda a estruturar un nucleo urbano e facelo atractivo para que a xente aposte por vivir nel, e por iso que os terreos que o Concello ofreza para a construción dese equipamento deben encontrarse no núcleo, para que permita o desprazamento a pé do maior número posíbel de alumnos e alumnas.

Nestes momentos atópase sen desenvolver moito do terreo urbano no San Antoniño e, en concreto, toda a parcela que era da “Avícola de Galicia”. Estamos, polo tanto, nun momento oportuno para realizar as xestións precisas para conquerir os terreos suficientes para a construción dese equipamento.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1. iniciar as xestións necesarias para conquerir terreos suficientes no solar da antiga “Avíco-
la de Galicia” no que se poida construír un posíbel novo colexio

Barro, 26 de novembro de 2014

Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

Deixar un comentario