A Deputación pecha hoxe o prazo para que as empresas interesadas reservan parcelas no polígono de Barro-Meis, dentro dun novo intento por adxudicar polo menos 66 solares desocupados neste parque. A empresa Froiz, que acaba de adquirir a cadea de supermercados de Moldes, subscribe unha das solicitudes de maior calado, xa que pretende adquirir máis de 70.000 metros cadrados, o que supón un terzo de toda a superficie en oferta. A empresa de distribución inclinouse por Barro-Meis ante o atraso do polígono de Fragamoreira, en Poio, onde tiña desde hai anos unha ampla reserva de terreos. O presidente da Deputación, Rafael Louzán asegurou que ademais de Froiz hai polo menos outras dúas empresas interesadas.
Para lograr a venda de parcelas, a Deputación decidiu rebaixar o prezo destas 66 parcelas, que ocupan un total de 237.354 metros cadrados. O prezo é 105 euros por metro cadrado (127 con IVE) e o terreo pode ser obxecto de transmisión ou adquisición do dereito de propiedade, ou ben de constitución dun dereito de superficie por un prazo mínimo de cinco anos e un máximo de 25. Ademais, amplíanse os prazos de pago, que poden chegar ao quince anos.

