A pesar das alegacións presentadas polos veciños no seu momento, a Deputación e FENOSA manteñen o trazado do abastecemento da alta tensión ó Polígono de Froiz polo medio dos núcleos de Güimil e Valbón.
Vaia por diante que, a efectos de saúde, tanto che ten que a liña pendure sobre a túa cabeza entre altas torres metálicas coma que vaia metro-e-medio por debaixo da túa casa… Xa sabedes: inocuo, supersano e, sen probas que indiquen o contrario: do melloriño para o colesterol… Imos morrer cunha pinta estupenda…
Pola súa parte, o Concello de Barro non ten nada que aportar: nin está nin se lle espera logo do lamentable espectáculo de ter que pagar con fondos do concello o transformador do edificio gris que hai ó lado da capilla de San Antoniño (ese que sobrevive no medio dun descampado sen urbanizar, pero que por algún motivo ten licencia).
Daquela ó concello non lle pareceu relevante facer a vista gorda cando Fenosa tirou un novo tendido aéreo entre o poste que hai na parcela do Tanatorio e o novo na parcela da Avícola. Deixáronlles facer.
Logo viñeron, en Agosto, os morritos de Landín porque Fenosa non lle quería retirar o tendido da rúa Areal para que se puidesen facer, por fin, as aceras (bueno, outro cacho, 60.000 euritos, que para todas as que faltan non hai cartos).
Agora van aburatar polo medio e medio un tramo do Camiño Portugués, pero tranquilos que non se vai notar nada: volven asfaltar por riba e listo. Sentímolo polos Amigos do Camiño Portugués, que seguro que preferían aproveitar para poñer un pavimento máis axeitado ós peregrinos, ou mellorar a imaxe do Camiño. Non é que non haia cartos, e que pensar da moito traballo, e non é cousa de perder o tempo escollendo materiais agora que por fin demos vendido o xxxx polígono).
Consoládevos pensando que, sen dúbida, o magnetismo da liña atraerá novos peregrinos.
Pero o peor, dentro do pésimo, é que a pesar de aburatar polo medio e medio os dous lugares (Güimil e Valbón), a operación de excavación e reasfaltado non se vai aproveitar para meter outro tipo de conduccións (qué sei eu: auga, alcantarillado, telefonía e datos…).
¿Para qué? A xente vai ser feliz porque Froiz vai ser feliz. Beber e cagar poden seguir facéndoo nas fontes, nos pozos e nas cuadras.
¿Cánto mellor non vai a ser agora a auga, ionizada a alta tensión?




