“O Alcalde de Barro recibe o Premio Provincial á protección do patrimonio público pola recuperación de Barosa”.
Non á rehabilitación, nin á promoción. Non: á protección. Para mexar coa risa…
Por curiosidade, boteille no seu momento un vistazo ás bases (BOP nº221 de 18/11/2013, páxina 27). Débese facer moi pouco polo Patrimonio nesta provincia cando o premio recae nunha intervención de urbanización dun entorno rural para convertilo nun parque URBANO, obviando ademáis a inmediatez do esquencido castro que é o elemento que da orixe ó conxunto (en realidade obviando todo, porque non hai un miserable cartel no que se expliquen os valores do lugar). Pero a resolución do eminente xurado era inapelable, blindada, indiscutible. Un reparto.
Noraboa en todo caso ó Concello por conquerir fondos cos que poder pagar as múltiples sancións que continúa acumulando coa Dirección Xeral de Patrimonio. Tamén deberían servir para invitar ós de ADEGA a coñecer a actuación que se supón que enmenda aquel outro premio que lle tiñan concedido ó alcalde por, precisamente, todo o contrario:
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2006/06/20/4877681.shtml
http://vello.vieiros.com/gterra/nova.php?Ed=30&id=50815&cm=1
Trátase, en todo caso, dun premio “en diferido”, xa que as obras principais foron inauguradas en Outubro de 2011 e as dos muiños no 2012. E un premio, por qué non dicilo, inxusto, porque tanto o proxecto coma os cartos da intervención agora laureada foron sufragados pola empresa concesionaria, sen que o concello participase na súa definición.
Sí, sí: concesión. Non venda. Xa sei que últimamente parece que o Concello lle teña vendido Barosa ós do Bar-Discoteca, como evidencia a total ocupación dos espacios exteriores, a colocación masiva de carteis “artesanais”, o posto de perritos calientes, os baños vertendo a cano libre, a iluminación descontrolada e, no extremo, a organización de eventos musicais a tope de kilowatios nun “Espacio Natural Protexido” (segundo a normativa municipal).
¿Canto non mellorarían as Cíes se se puidesen visitar en coche, levar á Panorama e dotalas dun permanente cheiro a churrasco?
Claro que para os rexedores e os seus acólitos non é un espacio natural protexido: para eles é todo un “PARQUE NATURAL”, como queda plasmado no vanidoso cartel do acceso. Nada menos. Por eso o atravesaron cunha ponte que non conduce a ningures (a súa especialidade).
Porque todos levamos un enxeñeiro dentro, pero o rexedor supremo leva un enxeñeiro superior (de caminos-canales-puentes-e-o-que-lle-boten, licenciado no mesmo sitio onde Barosa obtivo o título de Parque Natural). Trazador do novo urbanismo clarividente: Barro-vila-rural, Avenida de Jose Antonio, concello-castelo, pontes sen fin, quita-ese-monte-de-ahí-que-estorba,…
Pero eu do que quería falar era desas táboas pintarrajeadas que poñen “ARTESANÍA”, manuscritos en colores chillóns e chuzados nas pontes e no muiño.
Esas sei que, queixándonos, probablemente conseguiremos que, cando menos, as cambien por outras máis decentes.
A participación cidadá é importante nestes asuntos. Pensade que foi, precisamente, a que evitou que a Barosa de agora non fose a Barosa proxectada polo enxeñeiro supremo naquel primeiro proxecto que daba pena…
Iso: ó mellor o premio habíallo que dar á participación cidadá.
O Veciño de Enfrente
O Veciño de Enfrente
