Moteiros de toda a provincia están chamados a sumarse o domingo á mobilización nacional contra os actuais gardarraíles, que en Galicia terá o seu epicentro en Santiago de Compostela.
A caravana de participantes partirá ás 9 horas desde Vigo e chegará á cidade do Lérez ao redor das 10 horas, facendo escala xunto ao Estadio de Pasarón. Desde aí continuará a ruta cara ao Hotel Cano Alto de Caldas, onde ás 10.30 horas está previsto que se reúna o groso da comitiva pontevedresa.
A chegada á praza do Obradoiro está prevista para as 14 horas. Unha vez alí lerase un manifesto no que os convocantes deixarán claro o motivo da reivindicación: «Xa non nos serve a escusa da crise nin ningunha outra. En base á protección xurídica da Constitución, esiximos non ser discriminados como usuarios e a instalación dos sistemas de protección para motoristas, que cumpran coa normativa de Nivel 1, e preferiblemente de clase 70 en vías interurbanas, en todas as barreiras metálicas de seguridade existentes nas nosas estradas. E dado que estamos cansados de ver campañas publicitarias, onde se nos di que na estrada andamos todos, e logo de todos os datos aquí mostrados, esixímolo sen condicións e esixímolo xa!».
PMSV
Pola súa banda, a Plataforma Moteira pola Seguridade Viaria, a través do seu presidente, Manuel Picón, chamou onte a atención sobre o risco dos sinais que salpican as beiravías, e puxo como exemplo o accidente sufrido o xoves en Barro por unha sesaxenaria, que se atopa grave tras chocar contra un farol.
«Se chegar a ser un motorista párteo pola metade. Non só denunciamos que os gardarraíles matan. Tamén o fan os sinais e os farois, que son de aceiro e están ancoradas con 30 quilos de formigón ao asfalto», subliña.
Como solución, expón que «deben ser de material plástico ou PVC e autodeformables, en vez do muro que representan cando se choca contra elas».

